sábado, 25 de julio de 2015

"A Galicia de hoxe é o resultado de querer avanzar con outros, nunca contra outros"

Asisto onte ao acto de entrega das Medallas de Galicia que tivo lugar no auditorio da Cidade da Cultura, e que comezou coa xente posta en pé e en silencio na honra dos falecidos no accidente ferroviario de Angrois.

Logo o presidente da Xunta entregou as medallas aos premiados coa máxima distinción do país. Interviron logo os premiados.


Falou en primero lugar o escritor xornaleiro da palabra, Xosé Neira Vilas, activista cultural e o emigrante. Dixo que "a emigración foi unha sangría para este país, pero de rebote tróuxonos certos beneficios que xa son historia. Na Galicia americana mantívose sempre unha férrea loita antiforal e anticaciquil", dixo Neira Vilas.

 Falou logo o deportista olímpico español máis laureado."Unha forma que me inculcan de vivir, de traballar, sempre loitando por ser mellor cada día", afirmou David Cal.

Falou o oculista, catedrático e humanista Manuel Sánchez Salorio ."Para algúns, entre os que me atopo, un dos lugares dos que chupar enerxía é do recoñecemento dos demáis", asegurou.

E finalmente falou a a viúva do xornalista de Ávila Enrique Beotas que escolleu amar a Galicia."Enrique foi un gran embaixador de Galicia, unha terra pola que sentía paixón e polas suas xentes "

Na sua intervención Alberto Núñez Feijóo, dixo: "Hoxe podemos dicir que Galicia está esperta porque aqueles que como Xosé Neira Vilas cruzaron o Océano levaron ás costas algo máis que a amargura da emigración e algo máis que unha simple maleta. Aqueles fillos que se foron cargaron tamén coa nosa memoria e, dalgunha maneira, convertéronse nos pais que a protexeron."

"A clave dos nosos éxitos máis recentes non está na división, nin por cuestións de pensamento nin por cuestión xeracionais, senón na nosa capacidade para aprender daquel espírito comunitario que mamamos nas xuntanzas cos avós arredor da lareira, na feira ou no adro, e que non debemos esquecer.

Velaí, na miña opinión, o gran éxito da nosa Autonomía. O mérito principal transcende o levantamento dunhas institucións que representen a todos, e radica na capacidade para crear as canles que permitan a todos os galegos construír país mediante as súas tarefas cotiás."

"Manuel Sánchez Salorio é un deses arquitectos, e ademais nalgunha das nosas obras máis importantes: na Sanidade Pública que –coma el-- levantan a diario miles de profesionais, e na Universidade pública que –con xente coma el-- constrúe o futuro do noso país, e que ten precisamente na Facultade de Medicina un dos seus grandes referentes."

"Si, o noso país faríase máis pequeno se minimizara a importancia do que, entre todos, conseguimos ao longo dos últimos anos. Igual que se equivocaría infravalorando os logros duns galegos sobre os dos outros. Por iso sorprende, querido David Cal, que consideres un exceso que Galicia coloque os teus éxitos á altura dalgúns dos nosos máximos referentes en disciplinas diferentes á túa.

Grazas a ti, Galicia pode considerarse un país máis afortunado porque, máis alá dos premios, posúes virtudes que son un exemplo para todos nós: a fortaleza, a constancia, a humildade. Sabemos que sempre fuxiches da autopropaganda, e por iso agradecemos que hoxe nos deixes que te incorporemos cunha celebración humilde pero sentida a ese conxunto de mulleres e de homes que facedes máis grande a nosa terra."

"Nese palmarés de galegos de ben non se exixe comulgar con ningún dogma nin posuír ningún carné que acredite procedencia algunha. Nel caben todos os que traballen e queiran esta terra. Enrique Beotas demostrou que non é preciso ser galego para amar Galicia, nin tampouco para engrandecela. Co permiso das súas Anas, tanto quería esta terra que pensou que Galicia non cabía en Galicia, nin tampouco nesa quinta provincia que crearon os nosos emigrantes en Latinoamérica. E por iso creou a sexta."

"Amigas e amigos, quixese convidalos a reparar no que une os premiados coas Medallas de Ouro de Galicia deste ano. Que pode ter que ver un escritor de Vila de Cruces cun doutor oftalmólogo oriúndo da Coruña? Que une a un medallista olímpico do Morrazo cun xornalista galego nacido en Ávila?

Teño para min que todos eles son a representación do noso país e da súa gran sabedoría. E en que radica fundamentalmente? Na miña opinión, en lograr que a Autonomía non fose unha escusa para pecharnos en nós mesmos, senón unha oportunidade para enriquecernos: a Galicia de hoxe é o resultado de querer avanzar con outros, nunca contra outros."