miércoles, 6 de mayo de 2015

O Parlamento de Galicia demanda ncluír as terapias termais en España entre as prestacións do Sistema Nacional de Saúde

Celebro moito que hoxe o Parlamento de Galicia aprobara unha iniciativa do Grupo Popular, que tamén contou co voto favorable do Grupo Socialista e Grupo Mixto, a través da que se solicita ao Goberno central para que estude a posibilidade de dar acceso aos balnearios e outros centros españois de hidroterapia aos cidadáns dos países da Unión Europea que teñen incluídas as terapias hidrotermais na súa carteira de servizos, con cargo ao sistema sanitario do país de orixe.

En nome do Grupo Popular, interveu o portavoz de Sanidade,  Miguel Santalices, que manifestou que “cada vez son máis as voces que sinalan a necesidade de incluír as terapias termais en España entre as prestacións do Sistema Nacional de Saúde”. En concreto, lembrou que “desde Galicia xa temos formulado esta demanda ante o Ministerio de Sanidade, co obxectivo de que todos os cidadáns españois poidan beneficiarse destes tratamentos a través da carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde”.

“O envellecemento da poboación, a demanda asistencial, a redución da factura farmacéutica ou a insuficiencia financeira son factores que deberían terse en conta para incluír estes tratamentos na prestación sanitaria”, sinalou Santalices.

Miguel Santalices indicou que máis de 40 millóns de persoas acoden cada ano en Europa aos balnearios; en España 1,2 millóns; e en Galicia, 140.000 persoas. “Porén, a balneoterapia en España non está incluída como prestación sanitaria no Sistema Nacional de Saúde, ao contrario do que ocorre na maioría dos países europeos”, apuntou.

“Unha cura balnearia de 14 días de duración continúa sendo indiscutible como factor coadxudante no tratamento e rehabilitación de procesos de evolución crónica, como patoloxías do aparato locomotor, patoloxías do aparato respiratorio ou patoloxías dermatolóxicas”, explicou o portavoz popular, quen indicou que “a elección de un balneario debe estar condicionada pola patoloxía a tratar e as propiedades das augas de cada centro”.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta