‘Galicia a todo tren’: o atractivo programa de trens turísticos

Salientar que onte tivo lugar a presentación da nova edición do programa ‘Galicia a todo tren’, na que interviñeron ademais da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o xerente do área comercial e servizo de atención ao cliente de RENFE, Javier Díaz Trisac, e o xerente do Inorde, Jose Manuel Rodríguez.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, explicou na presentación que este programa, que naceu como un proxecto turístico pioneiro e que celebra xa a súa terceira edición, inclúe este ano novos atractivos grazas á colaboración interinstitucional entre a Xunta de Galicia, Renfe e a Deputación de Ourense.
Nava Castro explicou que esta iniciativa innovadora que proporciona ao viaxeiro un novo modo de descubrir algúns dos recursos turísticos máis singulares de Galicia, pechou na pasada edición cun notable éxito ao rexistrarse máis de dous mil viaxeiros e unha ocupación media do 82%, alcanzando as rutas de Valdeorras-Ribeira Sacra e a que circulou exclusivamente pola Ribeira Sacra unha ocupación do 100%.
Nesta terceira edición Galicia a todo tren continúa ofrecendo sete rutas que permiten descubrir as diferentes zonas de Galicia con variadas temáticas: a Ruta dos Faros, a Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos e as cinco Rutas do Viño que percorrerán os distintos territorios onde se producen as denominacións vitivinícolas galegas: Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras.
Segundo sinalou a responsable de Turismo da Xunta, estes sete itinerarios estarán constituídos por 57 trens que ofertarán os sábados e domingos dos meses de xuño, xullo, agosto e setembro un total de 2.524 prazas, 74 prazas máis que o pasado año.
Estas rutas temáticas, que se encontran xa á venda dende o pasado 21 de maio, permitirán ao viaxeiro descubrir tanto o patrimonio cultural como a natureza galega.
Nava Castro destacou que para esta nova edición, os itinerarios foron melloradas “incrementando aínda máis o seu atractivo”. Así, entre outras novidades, a Ruta do Viño de Monterrei inclúe neste ano a visita ao Castelo de Monterrei, onde os turistas poderán realizar o Túnel do Viño e vivirán un espectáculo sorpresa; nas rutas do viño Ribeiro e Rías Baixas, se realizará unha visita ao Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea de Arbo e ao Mosteiro de San Clodio; e a ruta da Ribeira Sacra incorpora como novidade a visita ao Mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil.
Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, cada unha das rutas pódese realizar nun día e, ademais da viaxe en tren, o programa ofrece servizo de guía especializado durante todo o percorrido, traslados complementarios en autocar, entradas a todos os puntos de interese e actividades.
Principal novidade, o Tren do Peregrino

Como principal novidade desta edición, incorpórase ao programa o Tren do Peregrino. Esta nova proposta posibilita a realización do Camiño de Santiago desde Madrid dunha maneira diferente, a bordo dun cómodo Tren Hotel no que os pasaxeiros disporán de aloxamento na Cabina Gran Clase e restauración no propio convoi.



As saídas deste Tren do Peregrino terán lugar os días 6, 13, 20 e 27 de agosto e realizarán o percorrido Madrid – Astorga – Ponferrada - Monforte de Lemos - Ourense - Santiago – Madrid.
Nava Castro destacou que con esta nova proposta os pasaxeiros poderán realizar diferentes etapas do Camiño de Santiago a pé ou en bicicleta, ou ben coñecer as diversas cidades nas que estaciona o tren con visitas guiadas e outras actividades.
Tren dos Balnearios
Ademais este ano se incorpora tamén ao programa o Tren dos Balnearios, unha nova oferta dirixida a maiores de 50 anos que brindará a posibilidade de aloxarse durante 6 días, en réxime de pensión completa, nos balnearios ourensáns de Laias, Carballiño, Arnoia, Baños de Molgas o Lobios e realizar circuítos culturais pola zona elixida podendo chegar á cidade de Ourense en tren desde 30 cidades españolas.
Así mesmo, continúa nesta nova edición o Galicia Rail Pass que un ano máis permitirá a peregrinos e turistas que cheguen a Galicia en trens de largo percorrido, ou co pase dos trens turísticos, utilizar os trens da rede de Renfe en Galicia cantas veces queiran durante tres días en fins de semana, pontes e festivos, e na temporada de verán.

Tamén, chegará a Galicia un verán máis o Tren Al Andalus, o tren de luxo máis amplo e espazoso do mundo, que percorrerá no mes de xullo durante cinco días o Camiño de Santiago, con saída desde León e destino Santiago de Compostela.
http://www.renfe.com/trenesturisticos/otros-trenes-galicia.html

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta

Con la tecnología de Blogger.