domingo, 17 de mayo de 2015

Dezasete de maio: "Día das Letras Galegas"

Hoxe celebramos en Galicia, o Día das Letras Galegas,  que é unha data consagrada á exaltación e promoción da nosa literatura e da nosa lingua arredor da cal se celebran no noso país, e no estranxeiro, numerosas producións e eventos culturais de homenaxe á figura escollida. 

O 20 de marzo de 1963, coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, os académicos de número Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo propuxeron a celebración do Día das Letras Galegas.

Nesta ocasión a figura  escollida no Plenario da  Real Academia Galega de sullo de 2014 foia a de Xosé Fernando Filgueira Valverde.

Nado en Pontevedra o 28 de outubro de 1906 e finado na mesma cidade o 13 de setembro de 1996,  historiador, escritor e erudito, foi, polo caudal inxente e a importancia da súa obra, unha das figuras centrais na vida cultural galega do século XX.

Como informa a RAG, estivo comprometido desde moi novo coa cultura galega, a súa extensa produción intelectual espállase ao longo de oito décadas e máis de catro mil cincocentas entradas bibliográficas -entre libros, folletos, artigos publicados na prensa e en medios especializados, cursos e conferencias- que abranguen unha ampla variedade de temas relacionados, na súa meirande parte, coa investigación da historia e a cultura de Galicia.

Alén do seu labor como ensaísta e divulgador, Filgueira Valverde participou, así mesmo, na creación e impulso dalgunhas das empresas culturais máis relevantes da Galicia do seu tempo. Deste xeito, en 1923, cando tiña 17 anos de idade, impulsou -xunto con Armando Cotarelo Valledor, Castelao, Lois Tobío, Cabeza de León, Gómez Román, Bouza-Brey e outros- a fundación do Seminario de Estudos Galegos, institución clave na modernización dos métodos de investigación da realidade social e cultural galega, na que Filgueira Valverde coordinou a sección de Historia da Literatura.

Despois de que o réxime franquista decretase o peche do SEG, Filgueira Valverde formpu parte, xunto con Sánchez Cantón e Xesús Carro entre outros, do núcleo promotor da entidade encargada de sucedelo, o Instituto de Estudios Gallegos "Padre Sarmiento", fundado en 1943 como unha sección integrada no Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), que Filgueira Valverde dirixirá entre 1971 e 1981, período no que rexe tamén a súa publicación periódica, Cuadernos de Estudios Gallegos.

Mais probablemente, como conta na súa web a RAG,  a empresa cultural na que Filgueira Valverde investiu os seus maiores esforzos como xestor e promotor foi o Museo Provincial de Pontevedra.  Baixo a súa dirección, o citado Museo enceta un ambicioso programa de expansión, aumentando progresivamente as súas instalacións e un catálogo formado, nomeadamente, por mostras de carácter arqueolóxico, histórico, artístico e etnográfico, ata completar unha colección de pezas que achegan unha visión panorámica da evolución das artes galegas desde a súa orixe ata a Idade Contemporánea. É merecente de mención especial, pola súa importancia, a adquisición do legado de Castelao polo Museo de Pontevedra grazas á iniciativa persoal de Filgueira Valverde, quen o librou así da súa máis que probable dispersión en varias mans por parte das autoridades da ditadura, que se incautaran dos bens de Castelao en Pontevedra.

Membro de número da Real Academia Galega desde 1941 e vogal do padroado do Instituto da Lingua Galega a partir de 1972, Filgueira Valverde foi, así mesmo, o primeiro conselleiro de Cultura da xeira autonómica, entre 1982 e 1983 e o segundo presidente do Consello da Cultura Galega, de 1991 a 1996, entre outros moitos cargos de carácter político-cultural.

Militante galeguista de primeira hora, Filgueira Valverde participou no acto fundacional do Partido Galeguista celebrado o 5 e o 6 de decembro en Pontevedra, no que foi elixido Secretario Técnico. Home de profundas conviccións católicas e de talante conservador, o progresivo achegamento do Partido Galeguista a posicións de esquerda desde 1934, que culminaría na súa integración no Frente Popular, lévano a abandonar este partido en 1935 e a fundar a organización Dereita Galeguista. Logo da Guerra Civil, chegou a deter, entre outras responsabilidades menores, a alcaldía de Pontevedra de 1959 a 1968.


Para celebrar este día hoxe, os militantes e simpatizantes do PP de Ourense, xuntámonos con presidente Manuel Baltar diante da escultura de Blanco amor, e  fixemos eloxio das nosas letras galegas e por suposto do homenaxeado nesta ocasión.

Jesús Vázquez, ex- conselleiro de Cultura e aspirante a alcaldía da capital leu un manifesto conmemorativo.

Máis tarde na Rúa do Paseo merquei nun posto da libraría "Padre Feijóo" un libriño titulado "Quintana viva" no que recóllense algunhas das mellores páxinas da obra literaria de Xosé Filgueira Valverde. Está edidato por Editorial Galaxia.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta