domingo, 3 de mayo de 2015

Celebrando a festa dos Maios

Asisto esta mañá na Deputación de Ourense, ao acto de entrega do Premio "Xosé Aurelio Carracedo" 2015 que ademáis coincide coa conmemoración do Día Mundial da Liberdade de Prensa.

Recibiu este premio o xornalista coruñés Antonio Alfredo López Mariño (Arzúa, 1951) polo seu traballo de investigación titulado “La madre de todas las vacunas”, publicado no suplemento dominical do xornal La Opinión, da Coruña, referido á figura histórica de Isabel Zendal, a única muller que participou na primeira campaña mundial de vacinación.

Antonio López agradeceu á Deputación de Ourense "a súa aposta polo xornalismo" e dixo que é unha honra "recibir un premio que leva o nome dun admirado xornalista no país de mestres universais da literatura, como Valle Inclán, Torrente Ballester e Alvaro Cunquiero, e do xornalismo, como Cunqueiro, Julio Camba, Wenceslao Fernández Florez e Xosé Aurelio Carracedo, onde a calidade da escrita é moito máis que segura".

Antonio López destacou que, na súa opinión, "o xurado a quen está premiando é a Isabel Zendal Gómez, a descoñecida protagonista da miña reportaxe, pois ela foi unha peza esencial de maior epopeia médica que coñeceu a humanidade: a "Expedición filantrópica contra a variola", a loita contra a enfermidade infecciosa que mais mortes causou no mundo".

Subliñou a importancia que tivo a participación de Galicia nesta expedición , "foi a mellor e máis transcendente achega galega á historia da humanidade, pois dos 22 nenos vacuníferos que saíron da Coruña, 18 eran galegos; e galego era o buque "María Pita", que levou á expedición a América; e galegos eran todos os tripulantes da embarcación e tamén Isabel Zendal".

Pechou o acto o presidente Manuel Baltar quen dixo que esta data "é a elixida para seguir a lembrar a Xosé Aurelio Carracedo, un exemplo de xornalista vocacional, mestre de moitos e cunha pegada imborrable na nosa historia", e lembrou a Chesterton, Pulitzer, Camus e Kaspuscinski ademais de destacar "o meu máximo recoñecemento ao labor xornalístico e a miña loubanza ao cumprimento polos profesionais das normas deontolóxicas, esas que sitúan como verbo clave o de "contrastar".

Manuel Baltar tamén felicitou ao galardoado, Antonio López, "polo seu magnífico traballo no que reivindica a figura de Isabel Zendal Gómez, catalogando a participación de Galicia na Expedición Filantrópica como a mellor e máis trascendental achega de Galicia á historia da humanidade".

Finalizado este acto, acompañei a Jesús Vázquez, o candidato do Partido Popular á alcaldía de Ourense nun paseo polas rúas ata chegar Alameda do Concello onde se estaba celebrando a tradicional "Festa dos Maios" co concurso de Maios - figuras realizadas con ramas e flores - e o de Coplas.

Tamén puidemos escoitar a Banda Municipal de Música de Ourense que ofrecía un concerto.



Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta