Feijóo pide o apoio dos que votaron ao PPdeG en 2009 e 2011 para seguir sendo o partido de referencia en Galicia

Asisto hoxe á clausura da Convención do PPdeG, onde tamén participaron a vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, o alcalde e candidato do PP de Santiago, Agustín Hernández, e o presidente do PSD de Porto, Virgílio Macedo.

O presidente Alberto Núñez Feijóo, pediu aos que votaron ao PPdeG nas eleccións autonómicas de 2009 e nas municipais e xerais de 2011, que acudan ás urnas este ano co mesmo entusiasmo, optimismo e ganas para seguir sendo o partido de referencia en Galicia.

Como sinalou Feijóo, ao PPdeG non o fan só os dirixentes do ámbito autonómico e estatal ou os afiliados, senón especialmente os que desde a esfera local e provincial están máis preto das persoas e os miles de persoas que elección tras elección escollen a papeleta do PP e confían neste partido maioritariamente. 

Por outra banda, destacou que a eles non os inspiran as ideas dunha empresa de marketing, nin o independentismo doutras comunidades nin os inspira Venezuela. Como recalcou, aos populares inspíraos o exemplo diario dos cidadáns, o galeguismo, os emigrantes galegos en Venezuela e Galicia.

Ao fío disto, Feijoo lembrou a lección que os cidadáns deron hai seis anos, tamén un 1 de marzo, cando o partido que dirixe recibiu a confianza maioritaria dos galegos por primeira vez desde que asumira a tarefa de dirixir este partido.

Segundo sinalou, aquel día déronlle a volta á historia e ás enquisas porque atinaron coas tres claves que se precisan para que os cidadáns confíen nos populares: verdade, xestión e mobilización.

En relación ao primeiro punto, Feijóo lembrou que os cidadáns seguen reclamando que se lles digan as cousas como son. Por iso, do mesmo xeito que lles deron o aval aos populares cando lles dixeron que había crise e había que traballar duro, amosouse confiado en que llo darán agora para que continúen co proceso de recuperación que se ten iniciado. 

Con respecto a isto, sinalou que haberá quen tratará de enganalos, como o intentaron hai seis anos. Así, igual que uns negaban entón os problemas, outros negan agora as solucións. Do mesmo xeito, indicou que dos tempos en que de economía se podía aprender en dúas horas, agora pásase aos de que todo se pode arranxar en dous días. Nesta liña, destacou tamén que “da cella pasamos aos da coleta”, pero amosouse convencido de que así como lles dixeron aos da cella “así non”, agora lles dirán aos da coleta “así tampouco”.

No que atinxe a unha xestión responsable, o líder do PPdeG subliñou que non implica cruzarse de brazos senón tomar as medidas necesarias para volver saír a flote preservando a sanidade, a educación e os servizos sociais. E iso é o que fai o Goberno galego, conseguindo que en Galicia haxa hoxe máis hospitais, centros de saúde e máis prazas de comedor escolar e de servizos públicos que nunca.

Para Feijóo, xestionar responsablemente é o que permite que en Europa xa non se fale de España como o gran problema, senón con gran esperanza; o que fai posible que, en vez de ir “de mal en peor”, vaiamos “de mellor a mellor”; e é o que fixo Aznar en 1996 e Rajoy desde o ano 2011.  

Nesta liña, o líder do PPdeG destacou que se están levando a cabo unha xestión responsable é porque os avalan os votos dos cidadáns, que valoran a experiencia dos que saben gobernar fronte aos recén chegados, e prefiren as propostas fronte á mercadotecnia. Con respecto a isto, Feijóo destacou que fronte aos políticos que acoden ás tertulias, están os que se reúnen cos ministros da Unión Europea para traballar a prol do país
En relación á mobilización, Feijóo advertiu de que o que máis desexan outras formacións políticas é que tanto os populares como a súa xente queden na casa, para ser eles os que se pronuncien nas urnas. Por iso, pediu aos alí presentes que se mobilicen, para que os cidadáns aposten polos populares fronte a alianzas de perdedores e os que se cren perfectos e non asumen os seus erros. 

Como salientou, nas vindeiras eleccións hai dúas posibilidades: frear os logros acadados nos últimos anos ou seguir avanzando na recuperación.

Neste senso, amosouse seguro de que ningún candidato caerá na autocompracencia nin no autobombo e seguirán amosando a súa vontade permanente de superación, porque así o demostran cada vez que acoden á Xunta para pedir axuda co fin de seguir acadando cousas para os seus concellos. De feito, indicou que é o mesmo que fai o Goberno galego nos despachos do Goberno central, a onde vai non para falar dos seus logros senón para poñer de manifesto o que precisa Galicia. 

O líder dos populares galegos rematou a súa intervención facendo fincapé en que non ve menos motivación, ilusión ou mobilización que no ano 2009, senón que ve ao “partido de sempre”. De feito, fixo fincapé en que ese ambiente de superación, humildade e de querer facer as cousas ben que se palpaba na Praza de Touros de Pontevedra hai seis anos, no mitin ao que asistiu Rajoy, ségueo notando na actualidade.



http://www.crtvg.es/informativos/feijoo-chama-aos-seus-votantes-a-mobilizarse-coma-no-2009-1029144

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.