En xaneiro comeza a actividade parlamentaria

O Regulamento do Congreso dos Deputados establece no seu artigo 61 que esta Cámara se reunirá anualmente en dous períodos ordinarios de sesións, de setembro a decembro e de febreiro a xuño.

Fora dos devanditos períodos, a Cámara só poderá celebrar sesións extraordinarias a petición do Goberno, da Deputación Permanente ou da maioría absoluta dos membros do Congreso.

Pois ben, con fundamento nesa previsión, xa na próxima semana haberá actividade parlamentaria e cun contido relevante.

A Comisión de Economía e Competitividade da que formo parte reunirase o mércores, 7 de xaneiro, ás 16,00 horas, para debater e votar o informe do relatorio e as emendas ao articulado presentadas polos grupos parlamentarios ao proxecto de lei de fomento do financiamento empresarial.

Unha vez debatido e votado o proxecto en Comisión, o ditame que elabore esta será remitido directamente ao Senado para continuar a súa tramitación. En caso de que a Cámara Alta non emende o proxecto, quedará aprobada a lei, e se introduce algunha modificación, o novo texto terá que volver ao Pleno do Senado para que ratifique ou reverta os cambios.

E o venres, día 9 de xaneiro, ás 10,00 horas, na Comisión de Xustiza comparecerá a candidata proposta o pasado 19 de decembro polo Consello de Ministros como fiscal xeral do Estado, Consuelo Madrigal Martínez-Pereda.

O Fiscal Xeral do Estado, tal e como determina a Lei reguladora do Estatuto Orgánico do Ministerio Fiscal, é nomeado polo Rei, por proposta do Goberno, oído previamente o Consello Xeral do Poder Xudicial, elixíndoo entre xuristas españois de recoñecido prestixio con máis de quince anos de exercicio efectivo da súa profesión.

Recibido o informe do Consello Xeral do Poder Xudicial, o Goberno comunicará a súa proposta ao Congreso dos Deputados, co fin de que poida dispoñer a comparecencia da persoa elixida ante a Comisión correspondente da Cámara, nos termos que prevexa o seu regulamento para os efectos de que se poidan valorar os méritos e idoneidade do candidato proposto.

Unha vez nomeado, o Fiscal Xeral do Estado prestará ante o Rei o xuramento ou promesa que prevén a Lei e tomará posesión do cargo ante o Pleno do Tribunal Supremo.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.