domingo, 30 de noviembre de 2014

Feijoo: "Hai resultados e creo que os galegos se poden sentir orgullosos deles porque veñen do seu esforzo

Asisto hoxe ao acto de balance que o PPdeG celebrou en Santiago, no Multiusos Fontes do Sar, coincidindo co aniversario da toma de posesión, e al que acudiron preto de 800 persoas. 

Interviron os oito conselleiros, e o secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, para dar conta da súa xestión no que vai de mandato.

Con respecto a eles, Alberto Núñez Feijóo asegurou que esas nove persoas, nas que se inclúe, non traballan con vaidade senón desde a humildade de servir a un pobo que non se rende nunca. Neste senso, indicou que cando se recorde aos gobernos de Galicia durante a crise, espera que se diga que cumpriron co seu deber e que mereceu a pena.

Con respecto a iso, o presidente do PPdeG puxo en valor que a xestión xa está a dar resultados e, de feito, Galicia dá exemplo de responsabilidade contable desde hai cinco anos, ten unha débeda inferior ao conxunto da das demais comunidades e está entre as que menos a incrementou en crise.

Así mesmo, Galicia agora crece e ten o obxectivo de facelo ao 2% no 2015, mellora os rexistros de exportacións, que baten records, e crea emprego.

Polo tanto, como asegurou Feijóo, hai resultados dos que os galegos se poden sentir orgullosos porque veñen do seu esforzo.  Non obstante, cre que, se se acadou o xa conseguido, é porque aínda se pode acadar máis e na segunda metade da Lexislatura recolleranse os froitos que sementaron.

Aos populares non lles basta con facelo mellor que o Goberno bipartito ou que o Goberno do PSOE, queren superarse a si mesmos. 

Neste senso, o dirixente popular cre que o feito de que se lles esixa máis a eles que aos demais non é inxusto senón que é unha enorme responsabilidade e unha honra xa que os cidadáns agardan máis deles que dos demais.

O líder do PPdeG lembrou cómo os populares gañaron as eleccións o 1 de marzo de 2009 e revalidaron e ampliaron o apoio dos galegos en 2012, a pesar da crise e dunha oposición que se aproveitaba dela para intentar rascar votos.

Como recalcou Feijóo, ampliar a maioría absoluta non tería sido posible se, ante cada dificultade que se presentaba, os populares non deran a mesma resposta, que foi cumprir o seu deber e gobernar. 

Como lembrou, en 2009 derrotouse á soberbia de quen se cría vencedor e e está convencido de que en 2015 a soberbia tamén será derrotada do mesmo xeito: con humildade, con constancia e con esforzo.

O líder do PPdeG fixo fincapé en que aos populares tocoulles gobernar con 2.000 millóns de euros menos cada ano pero foron quen de chegar a máis cidadáns.

Así, hoxe, con 2.000 millóns de euros menos, hai unha educación pública que chega con máis prestacións a máis estudantes que antes da crise; hai unha sanidade pública máis modernizada, con máis tecnoloxía e mellores infraestruturas; hai uns servizos sociais que chegan a máis familias, maiores, dependentes e discapacitados porque se multiplicaron as prazas públicas de gardería, centros de día, centros de maiores e centros que apoian á discapacidade respecto a antes da crise; e unha política social con máis futuro que antes da crise.

O líder do PPdeG indicou que conforman un goberno desde a maioría e para todos os galegos, tanto para os afíns como para os que non votaron. Neste senso, indicou que, aínda que sexan diferentes, todos conflúen no mesmo, Galicia, ao igual que o Goberno.

Para os populares, Galicia é o seu deber, o seu compromiso e o seu día a día, e por iso non fan outra cousa que poñer en valor esta terra.

Así, como lembrou Feijóo, hoxe Galicia tamén é recoñecida como un referente en innovación. De feito, a recentemente aprobada axenda de competitividade diversificará a nosa industria e creará máis oportunidades.

Do mesmo xeito, Feijóo tamén puxo en valor aos emprendedores galegos, aos que a Xunta apoia coa nova Lei do Emprendedor; a ordenación do territorio, que se viu completada coas directrices de ordenación, co Plan do Litoral, coa Estratexia de Paisaxe e tamén o estará coa Lei do Solo. 

Así mesmo, Galicia tamén é un territorio mellor comunicado, grazas ao AVE, que saíu das promesas para entrar nos orzamentos, e cun plan de infraestruturas autonómico que achegará ao 80% da poboación a unha vía de altas prestacións a finais da lexislatura.

Como destacou Feijóo, a comunidade está mellor que hai dous anos e moito mellor que hai seis anos e iso é grazas ao traballo e esforzo de todos os membros do PPdeG e da inmensa maioría dos galegos.