lunes, 20 de octubre de 2014

Entra no Parlamento de Galicia o Proxecto de Lei de Orzamentos para 2015

Salientar a entrada hoxe no Parlamento de Galicia do Proxecto de Lei de orzamentos da Xunta de Galicia para 2015.

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou estos orzamentos “marcan un punto de inflexión importante, xa que por primeira vez desde o ano 2009 se somete a este Parlamento un presuposto que ten unha previsión de gastos superior ao ano anterior, ao mesmo tempo que se sigue a reducir o déficit e o custo da débeda”.

Puy concretou que “reflicten as prioridades de gasto sinaladas polo Presidente da Xunta no seu discurso no Debate sobre o Estado da Autonomía: acadamos o 80 por cento do gasto social, co incremento das partidas da dependencia ou Risga; teñen unha compoñente redistributiva, porque as deducións fiscais benefician a quen máis o necesita; e a través dos investimentos en infraestruturas sanitarias e hidráulicas non só conseguimos subir o nivel de investimentos da Xunta, senón tamén potenciar algunhas infraestruturas que teñen un marcado carácter social, como as hospitalarias”.

Tamén destacou que “é a primeira vez desde o ano 2009 que o gasto dos orzamentos se incrementa nun 0,5 por cento, é dicir, 45 millóns de euros máis, ao tempo que se reduce o déficit”. “A esta cifra, súmase a maior capacidade de dedicar gasto a investimentos e actividades non financeiras (15,7 millóns de euros), como consecuencia dunha redución dos custos do xuro da débeda”, apuntou Puy. Ademais, engadiu que “este incremento do gasto é compatible coa senda do cumprimento do déficit previsto, que baixa do 1 ao 0,7 por cento do PIB”.

Así mesmo, na súa valoración destacou o incremento do aforro corrente con relación ao exercicio do ano pasado. “O gasto corrente é cuberto co ingreso corrente e, ademais, se poden  financiar investimentos por importe de 415 millóns de euros, máis do dobre do ano pasado”, explicou Pedro Puy.

“Cando falamos que hai unha boa xestión por parte do Goberno galego, cómpre salientar que, unha vez pagados os xuros da débeda e atendidos os gastos correntes, a Xunta dispón cos ingresos correntes de 415 millóns de euros para investimentos, que é o que permite que o capítulo VI de investimentos da Xunta suba con relación ao ano pasado”, sinalou.

Por outra banda, o portavoz popular subliñou que o orzamento tamén recolle un incremento para as políticas activas, especialmente dirixido ao emprego xuvenil e para maiores de 45 anos, e ás axudas á competitividade das empresas, particularmente a través do impulso da economía do coñecemento e das exportacións.

Adicionalmente, no referente ao gasto dos investimentos por habitante, Puy indicou que “unha vez máis os territorios do interior de Galicia que máis precisan potenciar a súa capacidade produtiva, Lugo e Ourense, reciben practicamente o dobre por habitante que as provincias costeiras, que gozan xa dun volume maior de infraestruturas produtivas”.