viernes, 1 de agosto de 2014

A Xunta considera que a economía galega medrará un 1,8% no 2015 e a taxa de desemprego baixará en 1,4 puntos

Saliento nesta entrada que o límite de gasto non financeiro da Comunidade Autonóma para 2015, que se sitúa en 8.436 millóns de euros, que foi aprobado hoxe polo Consello da Xunta é o primeiro que supera a cantidade consignada nos Orzamentos en vigor. 

O teito de gasto non financeiro de Galicia para 2015 é un 0,2% inferior ao teito de gasto de 2014 (20 millóns menos), pero un 0,5% superior aos Orzamentos da Xunta neste exercicio, con 8.390 millóns de euros.

Con este teito de gasto, o Goberno galego estabiliza a capacidade de gasto da Comunidade Autonóma por segundo ano consecutivo. Deste xeito, a Xunta terá máis recursos non financeiros e ao mesmo tempo reducirá en máis de 170 millóns o recurso ao endebedamento, un 30% menos. En 2015 Galicia proseguirá a senda de redución paulatina do déficit, posto que o límite de déficit pasará do 1% en 2014 ao 0,7% do 2015.

En canto á evolución económica, as previsións son que o Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia medrará un 1,8% o vindeiro ano, e este crecemento permitirá comezar a crear emprego neto. Confírmase así que 2014 está a ser o ano do inicio da recuperación económica e queno 2015 consolidarase esa recuperación. O vindeiro ano encadearanse taxas positivas de crecemento por segundo ano consecutivo, o que non sucedía dende inicios da crise, en 2008.

A evolución do mercado laboral tamén será positiva en 2015. O vindeiro ano prevese unha nova redución da taxa do desemprego en Galicia de 1,4 puntos, ata situarse no 20,3%, de modo que o paro reducirase tamén na Comunidade galega por segundo ano consecutivo.

Menos gasto financeiro:

Ademais, o aprazamento neutros dez anos da devolución das liquidacións negativas dos exercicios 2008 e 2009, aprobado onte no Consello de Política Fiscal e Financeira, permtirá reducir os gastos financeiros da Comunidade. Galicia acadará un aforro total de 150 millóns de euros en gasto financeiro, sendo a segunda autonomía máis beneficiada.

No eido fiscal, 2015 será o segundo ano consecutivo no que os cidadáns galegos pagarán menos impostos, xa que volverán ter unha rebaixa de impostos pola reforma fiscal impulsada polo Goberno. Isto únese á baixada aprobada pola Xunta que está en vigor neste 2014, cunha redución do IRPF para o 70% dos contribuíntes.

Ademais de manter blindados os servizos públicos, o Goberno galego combinará unha nova redución do déficit público co fortalecemento da recuperación do crecemento xa iniciada neste 2014. Nesta liña, as prioridades da Administración autonómica seguirán sendo o gasto social, pagar aos provedores con máis axilidade e potenciar o investimento produtivo que favoreza a reactivación económica.

O límite de gasto non financeiro aprobado hoxe polo Consello da Xunta é un teito de gasto realista, que será a base para elaborar as contas autonómicas do vindeiro ano.