jueves, 31 de julio de 2014

Galicia terá sete tribunais de instancia e manteranse os partidos xudiciais existentes

Esta mañá tivo lugar un produtivo encontro no Pazo de Raxoi do titular do Ministerio de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Ao remate quedóu expresamente confirmado por Gallardón que Galicia terá sete tribunais de instancia, un en cada capital de provincia, e outro en Vigo, outro en Ferrol e outro en Santiago.

Xunto con isto, o presidente da Xunta celebrou que o Goberno atendese outra das consideracións formuladas desde Galicia, referida ao mantemento dos partidos xudiciais existentes. Estes, sinalou, “obedecen a unha tradición xudicial, a unha tradición xurisdicional e a unha vocación que entendemos que debe permanecer”, a pesar de que se introduzan as “flexibilidades” necesarias. Nese sentido, indicou que “do mesmo xeito que, se hai unha lista de espera nun hospital, un paciente pode ir a outro, se hai un xulgado que ten moitos asuntos, loxicamente, eses asuntos poden derivarse a outro para que o principio de tutela efectiva sexa máis eficaz”.

En terceiro lugar, subliñou que a formulación galega de que se manteñan todos os xulgados abertos na Comunidade fose tamén atendida polo Ministerio e vaia ser posible dentro da reforma da Xustiza.

Feijóo incidiu no agradecemento ao ministro e ao Goberno de España en nome do Executivo autonómico, así como no de todos os axentes sociais e dos profesionais do sector, “por estudar, valorar, reflexionar e atender as propostas obxectivas de Galicia e aceptar que poidan formar parte do proxecto de lei orgánica que se tramite nas Cortes Xerais”.

Na súa intervención, Alberto Núñez Feijóo puxo en valor que acometer a reforma xudicial era unha materia pendente desde hai moito tempo e que constitúe “un paso necesario, un paso valente e un paso difícil”, polo que felicitou ao Ministerio de Xustiza por decidirse a levala a cabo.

Resaltou que Galicia coincidiu sempre co Goberno central na necesidade de abordar esa misión de xeito completo, indo máis alá da dotación de medios e reformando tamén a organización xudicial e manifestou a vontade da Xunta de participar activamente no proceso.

Nese marco situou as alegacións formuladas polo Goberno autonómico, coincidentes coas do sector (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Fiscalía Superior, Secretaría de Goberno, Consellos da Avogacía e Procuradoría de Galicia, así como as organizacións sindicais).

O informe remitido ao Ministerio, concretou, baséase na necesidade de recoñecer as singularidades territoriais e de que calquera decisión que incida na distribución territorial dun servizo público non pode ter en conta unicamente a división administrativa.

Feijóo lembrou que non é a primeira vez que o ministro de Xustiza atende as reivindicacións da Comunidade galega xa que o fixo, tamén, cando deu resposta á petición de endurecemento das penas aos incendiarios.