martes, 17 de junio de 2014

Comparecencia do Gobernador do Banco de España

Compareceu hoxe na Comisión de Economía e Competitividade, o Gobernador do Banco de España, Luis Linde con motivo da presentación do Informe Anual do Banco de España correspondente ao ano 2013. 

Entre outras cousas dixo:

Sobre o contexto internacional:

Destacou que en 2013 a economía mundial "creceu en torno a un 3%, un rexistro lixeiramente inferior ao do exercicio precedente, se ben mostrou un perfil de recuperación progresiva, que se espera que se manteña en 2014. A área do euro iniciou unha fase de recuperación no segundo trimestre de 2013, empezando entón a superar a fase de recesión en que estaba situada dende finais de 2011".

Afirmou que este novo panorama "mostra unha maior certeza sobre a recuperación da economía global e unha transición dos focos de incerteza dende as economías desenvolvidas, - e en particular dende as da área do euro -, cara ás emerxentes."

Sobre a evolución e perspectivas da economía española:

Sinalou que " ao longo de 2013 a economía española foi mostrando certo dinamismo e, a partir do terceiro trimestre, taxas positivas de crecemento do PIB. Esta traxectoria continuou en 2014, de modo que o ano podería finalizar en liña coas previsións que anticipou o Informe de Proxeccións da economía española do Banco de España, publicado en marzo, é dicir, cun crecemento dun 1,2% na media anual.

Esta recuperación foi visible tamén no mercado de traballo. O ritmo de destrución de postos de traballo foise atenuando ao longo de 2013, ata mostrar unha leve creación de emprego nos últimos meses do exercicio."

Afirmou que esta melloría foi reforzándose nos meses transcorridos de 2014. Conforme aos últimos datos dispoñibles, correspondentes ao mes de maio, o número de desempregados rexistrados nas Oficinas dos Servizos Públicos de Emprego descendeu en case 112.000 persoas, situando a taxa de variación interanual no -6,5%, 0,8 puntos porcentuais de caída superior á rexistrada en abril. Pola súa banda, os afiliados aumentaron neste mes en 198.000 persoas, ou un 1,6% en taxa interanual, catro décimas por enriba do crecemento rexistrado no mes anterior, acumulando catro meses consecutivos de crecemento"

Dixo que o cambio de ton da economía española resulta da confluencia de factores externos e internos: O impulso exterior á recuperación da economía española e os avances no proceso interno de axuste

Salientou que o xiro da economía española non tería sido posible se non se tivese mantido e afondado o proceso interno de axuste. Así, en 2013 avanzouse na corrección de desequilibrios nos ámbitos de competitividade, consolidación fiscal, endebedamento do sector privado e reforma do sistema financeiro.

Fixo algunhas reflexións sobre os retos para a economía española e o papel da política económica.

Dixo que a nosa economía se encontra no camiño de afianzar o crecemento. Pero os efectos da crise en termos de desemprego e de endebedamento dos sectores residentes foi de gran magnitude e a súa absorción requirirá tempo.

Sinalou que as melloras de competitividade e a redución do endebedamento privado deben continuar. E iso debe facerse nun ámbito de baixa inflación na zona euro e dun tipo de cambio do euro moi apreciado, o que representa unha dificultade engadida.

No ámbito das políticas nacionais, destacou que a marxe para instrumentar políticas de demanda é moi reducida. Entre estas, detívose con algún detalle nos retos que enfronta a política fiscal.

Finalizou dicindo que o "proceso de consolidación fiscal estivo acompañado dunha serie de reformas cuxos efectos empezan a percibirse, ou se percibirán pronto. A maior sensibilidade cíclica dos prezos propiciou unha corrección do desfase de competitividade da nosa economía, á vez que a maior flexibilidade do marco laboral favoreceu, sen dúbida, a moderación salarial. Tamén se observa un cambio no papel que desempeña a inflación pasada no proceso de determinación de custos e rendas. Este cambio verase reforzado pola aplicación da Lei de desindexación da economía."

Engadiu que "os efectos en termos da creación de emprego son máis incipientes, pero resultan prometedores. É previsible que, como consecuencia do maior grao de flexibilidade do marco laboral, a ocupación creza a taxas que, aínda que moderadas, sexan relativamente elevadas en relación co avance do produto."

Rematou salientando que "tamén é ineludible levar a cabo reformas que permitan incrementar a competencia. Os avances neste terreo foron tamén significativos: podemos recordar a Lei de emprendedores, a Lei de garantía do mercado único e Lei concursal. Pero hai que recoñecer que, nalgúns casos, a súa implementación efectiva se enfronta a dificultades ou acumula algúns atrasos."