miércoles, 28 de mayo de 2014

Importantes medidas na política social da Xunta de Galicia

Saliento o avance feito hoxe polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa do Consello, sobre un novo programa para facilitar a contratación de 600 perceptores da Risga e o aumento en 1,6 millóns de euros do orzamento do servizo de axuda no fogar para prestar apoio a 500 dependentes máis na Comunidade.

No tocante á axuda no fogar, Feijóo precisou que o aumento da contía supón un 4,24% máis que o orzamento inicialmente previsto para este ano, o que permitirá destinar a esta prestación en 2014 un total de preto de 40 millóns de euros.

O titular do Executivo autonómico fixo fincapé en que esta decisión posibilitará que 500 dependentes máis poidan ser beneficiarios desta axuda, polo que se prevé que en 2014 reciban este servizo financiado con fondos públicos máis de 10.100 galegos dependentes. Non en van, o incremento do orzamento para este servizo permitirá, ademais, asignar aos concellos e mancomunidades ou agrupacións de concellos, que prestan este servizo, 24.066 horas máis ao mes.

Durante esta rolda de prensa, Feijóo destacou a aposta decidida da Xunta por “seguir incrementando na medida máxima das nosas posibilidades” os recursos que destina a ao servizo de asistencia no fogar para persoas dependentes, no que investiu desde 2009 ata agora preto de 222 millóns de euros, cun incremento nese tempo dun 119% dos recursos. “Reforzamos a aposta polo servizo de axuda no fogar para persoas dependentes, tendo en conta que é o recurso máis demandado pola poboación maior que necesita algún tipo de axuda, así como polas súas familias coidadoras”, aseverou.

Así mesmo, o presidente da Xunta referiuse a un novo programa de axudas, dotado con 3 millóns de euros, para convocatorias especiais que permitirán encontrar traballo a 600 persoas perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia, a RISGA.

A orde, que se executa por primeira vez e que entrará en vigor a próxima semana, está destinada a concellos e agrupacións locais, co principal obxectivo de “favorecer a inserción laboral destas persoas e evitar a súa cronificación nunha situación de exclusión”, unha das principais liñas de actuación da Lei de inclusión de Galicia, aprobada o pasado ano, e en concordancia coas prioridades da Unión Europea.

Os beneficiarios desta iniciativa serán aqueles perceptores da RISGA que teñen unha antigüidade mínima de seis meses e que estean inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados. Entre eles, terán preferencia aqueles que teñan asinado un proxecto de inserción de carácter laboral.

Feijóo salientou, ademais, que as contratacións durarán entre 7 e 9 meses e serán a tempo parcial, aínda que sempre deberán estar por riba do 50% da xornada. Así mesmo, detallou que o obxectivo deste persoal deberá ser o da realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social, e as condicións do contrato serán as establecidas no convenio laboral correspondente ao posto de traballo.

Logo de precisar que a Xunta se encargará de financiar a totalidade dos custos salariais destas persoas, Feijóo precisou que á hora de distribuír os fondos territorialmente, computarase o número de perceptores de RISGA existentes en cada concello no mes anterior á publicación da orde, aínda que tamén se valorará o necesario equilibrio e solidariedade con aqueles territorios máis desfavorecidos desde o punto de vista económico e social.

Nesta liña, o presidente da Xunta subliñou que para garantir unha distribución equitativa, asignarase a cada entidade solicitante unha axuda inicial equivalente ás contratacións que lle corresponden segundo a seguinte escala: en concellos con ata 10 perceptores de RISGA, concederase un máximo de 2 contratacións; en concellos con entre 11 e 50 perceptores, ata 5 contratacións; nos concellos con entre 51 e 100, ata 10 contratacións; nos que teñan de 101 a 700, un máximo de 20; e aqueles con máis de 700, ata 40 contratacións.

O titular do Goberno galego concluíu incidindo en que esta medida “nova” ten como obxectivo conseguir a inserción laboral e a mellora da empregabilidade dos colectivos máis vulnerables, partindo da premisa de que a mellor política social é o emprego.

Finalmente, o mandatario autonómico deu conta da aprobación tamén hoxe polo Consello da Xunta dunha “inxección económica –de 210.000 euros- para empresas que promovan a inserción laboral de persoas en risco de exclusión social”, e que beneficiará a 9 empresas para dar emprego a arredor de 40 traballadores. Segundo concretou, estas empresas deben proporcionar aos traballadores medidas personalizadas e deben ter un mínimo do 30 de empregados en proceso de inserción social no seu cadro de persoal. Ademais, as persoas contratadas deben ser desempregados nos que concorren factores de exclusión.

Parabens por esta iniciativa tan necesaria para axudar aos máis desfavorecidos.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta