Acendido da primeira páxina con dominio " . gal "

Hoxe tivo lugar o acendido por Alberto Nuñez Feijoo da primeira páxina con dominio .gal, un acto que se celebrou na véspera do Día das Letras Galegas e do Día Mundial da Internet, e afirmou que supón “un fito histórico”, por canto, dixo, o dominio “dota a nosa lingua e a nosa cultura dun selo propio na rede” e convértese “no mellor salvoconduto para que Galicia atravese fronteiras e se faga visible en todo o mundo”.

Na súa intervención, o presidente da Xunta lembrou que a consecución de .gal é froito do traballo realizado nos últimos oito anos, un traballo “coral”, que contou co apoio de 114 institucións das máis diversas disciplinas e co apoio expreso de case 14.000 cidadáns; un proxecto ao que se adheriron máis dun cento de entidades, incluídas as principais institucións culturais e educativas, os centros tecnolóxicos e de investigación, ducias de pequenas asociacións culturais e profesionais, xunto con máis de 20 centros de emigrantes doutras comunidades autónomas e doutros países como Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, Arxentina, Estados Unidos, Uruguai ou Brasil.

Vantaxes competitivas para as empresas e os emprendedores galegos:

“Ter nome propio na rede favorece a promoción da lingua e da cultura gallegas, pero tamén redunda en efectos altamente proveitosos para as nosas empresas”, aseverou Feijóo, quen incidiu en que o dominio galego implica “importantes vantaxes económicas para a nosa terra”. Máis, dixo, nun momento no que, pese á crise económica, o mercado de dominios se mantén en forte crecemento (a nivel mundial a taxa de crecemento varía entre o 12 e o 20 % nos últimos exercicios).

Deste proceso de expansión deriva, precisamente, o primeiro beneficio que ofrece .gal: evita que parte do que hoxe invisten os galegos en dominios da internet marche fóra do país. Así, segundo explicou o mandatario galego, fronte á inexistencia ata agora dun rexistro arraigado na nosa terra, .gal opera en Galicia, de xeito que en Galicia quedará a maior parte do investido. Isto significa que “tributará en Galicia, pero tamén que repercutirá na nosa terra”, argumentou Feijóo, lembrando que a asociación .gal ten o compromiso explícito de que, unha vez que estea asegurada a estabilidade económica do dominio, todos os beneficios se reinvestirán na Comunidade, concretamente, na promoción do galego nas novas tecnoloxías.

Así mesmo, co .gal por vez primeira un dominio será xestionado desde Galicia, polo que desde Galicia se deseñará e se aplicará a política de comercialización, marketing, comunicación, etc., o que, segundo considerou Feijóo, lle permitirá á Comunidade estar nunha boa posición para participar na futura expansión desta industria.

En canto ás vantaxes para os emprendedores, o xefe do Executivo autonómico referiuse a que o .gal facilita que se poidan valer dunha marca “única e propia” para destacar a súa proximidade física e cultural ao cliente galego; permite asociar os produtos galegos cos valores positivos que xa ten a Marca Galicia, ao dispoñer dunha etiqueta útil para mellorar a súa facturación en liña; e posibilita aumentar o tráfico das páxinas en galego e, polo tanto, os seus ingresos publicitarios.

Maior proxección da lingua e da cultura galegas no mundo dixital:

Máis alá dos beneficios puramente económicos, Feijóo indicou que o .gal brinda unha oportunidade aínda mellor: “lograr que a nosa terra teña unha maior proxección nun mundo no que tamén pode e debe ter presenza, o dixital”. Así, a comunidade galega poderá participar con voz propia no goberno da ICANN, a organización internacional que xestiona os dominios da internet, e sentarse nas mesas onde se tomen decisións relevantes para a gobernanza da internet, ao tempo que abre a porta a unha maior presenza do galego na rede.

“Co .gal os internautas tardarán menos tempo en identificar os contidos en galego”, concretou Feijóo, quen apuntou que, a nivel técnico, os contidos en galego terán mellor ránking en buscadores cando se empregue un navegador en galego; que o .gal facilitará a creación moito máis doadamente de ferramentas informáticas na lingua propia; servirá para dar cohesión á Comunidade galega na rede, ao erixirse como un importante vínculo entre as comunidades de galegos na diáspora; e contribuirá a aumentar o interese polo estudo da nosa lingua a nivel internacional, ao tempo que apuntalará o seu prestixio entre os propios falantes.

“Galicia xa era universal en moitos eidos”, mais agora “tamén é universal na rede ao poñerlle apelido a todos aqueles dominios que queiran estar no ciberespazo con esa referencia que é o noso país, que é a nosa terra, que é Galicia”, afirmou. Nesta liña asegurou que, a pesar de que o universo dixital non deixa cabida para os minifundios tecnolóxicos, si para a “diferenciación”, por iso é tan importante “que Galicia teña logrado abrise paso con personalidade propia nun mundo virtual cheo de posibilidades”, remarcou.

“Grazas ao sufixo .gal a nosa lingua e a nosa cultura contan cunha rúbrica propia que identifica os contidos xerados na rede, que lle permite gañar visibilidade e aumentar a súa proxección no gran mapa de comunicación global que supón a internet”, agregou Feijóo, subliñando que con este dominio, a lingua e a cultura galegas adquiren un “novo rostro” na rede que lle permitirá abrir novos horizontes e tecer vínculos máis fortes.

O presidente da Xunta rematou a súa intervención lembrando que, grazas ao traballo de todos, na véspera do Día das Letras Galegas, “lle damos unha nova proxección a unha lingua e a unha cultura milenarias”. “Co acendido da primeira páxina con apelido galego, con dominio .gal, izamos a bandeira de Galicia na rede e demostramos que o pobo galego sempre está disposto a sumar cando se trata de abrirnos e de abrirnos ao futuro”, concluíu.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta.
Con la tecnología de Blogger.