viernes, 4 de abril de 2014

Adiante coa Estratexia de Impulso á Biomasa

Onte o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a posta en marcha da Estratexia de impulso á Biomasa, que arranca cun investimento de máis de nove millóns de euros este ano para a implantación de caldeiras de biomasa na administración pública, nas empresas e nos fogares, o que suporá importantes beneficios económicos, ambientais e enerxéticos.

Na rolda de prensa posterior ao Consello, Feijoo subliñou o enorme potencial de desenvolvemento que este combustible autóctono ten en Galicia, xa que a biomasa representa na actualidade o 6,4% da enerxía primaria consumida na Comunidade, pese a que temos “o 50% da masa forestal e da madeira que se corta” en España.

Destacou que a biomasa implica beneficios económicos porque “empregar do mellor xeito posible uns recursos enerxéticos autóctonos vai xerar emprego”. E, sinalou, en relación cos beneficios ambientais, que diminuirá o risco de incendios na comunidade autónoma e que é unha enerxía máis limpa que outras “moito máis contaminantes e moito máis custosas”.

Salientou que a Estratexia de Impulso á Biomasa non é froito da improvisación senón que o Goberno galego vén traballando nos últimos trimestres en facer estudos de mercado dos aforros que supón a utilización de biomasa, nos que se constatou que o consumo da biomasa con fins térmicos é unha aposta acertada. Nesta liña, subliñou que nunha vivenda unifamiliar, nun colexio ou nunha industria se podería aforrar un 65% se substitúe o gasóleo por biomasa e máis dun 40% se se substitúe o gas natural.

Como primeira medida que se pon en marcha ao abeiro desta Estratexia, destacou que o Consello aprobou unha orde de incentivos para substituír 1.000 caldeiras por instalacións de biomasa no ámbito da Comunidade autónoma cun investimento superior a 9 millóns de euros no ano 2014.

Explicou que estas axudas “poden chegar ao 100% do custo, cun máximo por axuda de 200.000 euros” e van dirixidas ás familias, ás industrias e ás administracións públicas no ámbito rural, así como a calquera tipo de instalación dunha administración pública que estea situada nun concello do ámbito rural.

Xunto con isto, remarcou a segunda decisión adoptada onte polo Consello, que se encamiña a establecer unha serie de proxectos pilotos demostrativos de que “é un bo negocio substituír unha caldeira con combustible tradicional por biomasa”. 

O Goberno galego constatou que na Administración autonómica temos que dar o primeiro paso para acreditar que confiamos plenamente nesta estratexia e neste combustible de Galicia”, afirmou, e avanzou a decisión de substituír todo o combustible que se utiliza para calefacción no complexo de San Caetano por biomasa, sumando así os centros administrativos á política enerxética iniciada xa nos hospitais públicos e nos centros de saúde da Comunidade.

O presidente da Xunta fixo fincapé en que ambas as dúas iniciativas forman parte dunha estratexia máis ampla que será presentada antes do verán con medidas en todos as frontes da biomasa: medidas de aposta pola innovación do sector; de apoio ao medio rural para favorecer o aproveitamento da biomasa; de impulso económico para que a biomasa sexa considerada a todos os efectos unha actividade preferente; de desenvolvemento normativo do sector; ou medidas de seguimento e divulgación.

O obxectivo é, segundo Feijóo, crear “unha verdadeira industria da biomasa en Galicia”, que xere máis riqueza e emprego para propiciar unha mellora socioeconómica nas áreas rurais; para reducir a dependencia enerxética dos derivados do petróleo e apostar por unha enerxía máis limpa; para impulsa o aforro enérxico; e para reducir emisións de CO2, ademais de mellorar o rendemento dos montes galegos e reducir o risco de incendios. “En definitiva, para conseguir obxectivos que demostran que a biomasa é un camiño polo que debemos e polo que imos apostar con máis forza”, concluíu. 

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta.