martes, 4 de febrero de 2014

Na presentación do Plan "Ourense é a provincia termal"


Estiven hoxe, invitado pola Deputación Provincial de Ourense, no Teatro Principal de Ourense onde tivo lugar a presentación do Plan "Ourense é a provincia termal", nun acto que presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e que contou coa participación do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar Blanco.

Especialización, novos produtos, modernas infraestruturas e promoción son as liñas estratéxicas do plan, orzamentado en 94 millóns de euros para situar á provincia de Ourense no mapa internacional do termalismo.

Precisamente Manuel Baltar referiuse ao plan afirmando que é o momento "de pasar das palabras aos feitos, porque a nosa provincia foi, é e seguirá sendo un referente termal internacional". Baltar dixo que no desenvolvemento do plan o Inorde, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico, ten un protagonismo especial, "polo xa feito, polo aportado, e polo que fará para que sexa unha realidade. Un organismo sobre o que pivotará a política provincial nesta área estratéxica".

O presidente provincial agradeceu no seu discurso a implicación da Xunta de Galicia no plan afirmando que esta aposta conxunta, Deputación-Xunta, "é un eixo claro de desenvolvemento de Ourense. Por ir da man neste "mar interior" que é a nosa provincia, e por presentar hoxe este papel, que non debe quedar en papel mollado, nunca mellor dito, senón polo que si hai que mollarse".

Baltar pediu ao presidente da Xunta que defenda "con toda contundencia" o plan no novo escenario de fondos comunitarios 2014-2020, para que recibamos os orzamentos necesarios para impulsar como nunca esta provincia e dotarnos dunha personalidade que sempre tivemos pero que agora nos situará na vangarda do benestar, do relax e da saúde. Unha provincia para desconectar e para a que pido prioridade absoluta".

Pola súa banda, Mario Crecente, responsable técnico da consultora que desenvolveu o plan, explicou que as liñas de actuación baséanse en definir novos produtos termais, como as concesións ao aire libre, para o que se fai necesario establecer unha norma baseada nestes centros de benestar. Tamén falou duna "especialización intelixente do termalismo", e da necesidade de "traballar buscando a diferenciación e a evolución e modernidade do termalismo".

Crecente explicou que hai que aproveitar e coordinar todas as infraestruturas balnearias da provincia de Ourense e crear un "termalismo corporativo que permita realizar unha axeitada xestión de todos os recursos termais". Cultura, investigación, valorizar o patrimonio e promocionar axeitadamente o ámbito termal son tamén, en opinión do técnico, "eidos nos que hai que afondar para que a marca "Ourense" e "Termal" vaian da man, se poda comercializar e chegue a todos os mercados, de ámbito nacional e internacional". A elo engadiu aspectos que son necesarios potenciar como a cosmética termal e o sector textil adaptado ao termalismo, "como trazas de identidade que nos poden diferenciar, aproveitando ademais as infraestruturas ferroviarias para atraer máis turismo en menos tempo".

Pechou o acto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que salientou que o plan Ourense, provincia termal, recolle case un centenar de propostas concretas asentadas sobre cinco eixes de actuación cos que, “desde Ourense, aspiramos a manter e reforzar o noso liderado termal”. “Somos conscientes de que na riqueza termal radica unha das nosas principais fortalezas turísticas”, engadiu Feijóo subliñando que o termalismo tamén representa “unha grande oportunidade para prolongar o reclamo turístico de Galicia máis alá do verán, do Nadal ou da Semana Santa”, como ocorre, por exemplo, co Camiño de Santiago.

Na súa intervención, o presidente da Xunta explicou que Ourense, provincia termal actúa sobre cinco eidos estratéxicos: lograr unha mellor organización; mellores infraestruturas; o deseño de novos produtos termais; un maior coñecemento da riqueza termal da nosa terra; e tamén unha mellor promoción deste recurso turístico.

“Seremos capaces de manter e reforzar o noso liderado se nos organizamos mellor”, argumentou Feijóo, incidindo en que, con ese propósito “asumimos o compromiso de manter unha lexislación actualizada permanentemente e de seguir sendo pioneiros no desenvolvemento normativo deste sector”; e o compromiso “de blindar a xestión integrada”, conscientes, dixo, “de que a cooperación entre os axentes privados e as administracións públicas multiplica as nosas posibilidades”.

“Seremos capaces de manter e reforzar o noso liderado se perseveramos no camiño de ter as mellores infraestruturas posibles”, engadiu, lembrando que a diversificación e os extraordinarios emprazamentos dos establecementos termais galegos teñen moito que ver coa fidelidade dos usuarios. Por iso, indicou, “debemos continuar por esta liña”, como así o farán proxectos previstos como a piscina flotante termal de Laias, a Viña Termal de Berán ou Ecocaldas.

Como terceiro eixo estratéxico para manter e reforzar este liderado o plan recolle o deseño de novos produtos termais, capaces de garantir unha oferta apta para todos os gustos, para todas as idades e para todos os petos. A este respecto, o titular da Xunta sinalou que existen algunhas ideas a curto prazo (como o programa A auga coida de ti, con propostas como o termalismo corporativo para empresas ou a Semana do tratamento personalizado; A auga divírtete, onde se encadran iniciativas como o Entroido Termal; A auga é patrimonio, con proxectos como Ourense Termal ou Enohidroturismo na Ribeira Sacra; A auga fonte de vida, onde se sitúan ideas como o Descanso termal peregrino ou o Camiño da Prata termal; ou Galicia baixo a chuvia, onde se impulsan propostas como o Inverno termal ou a Primeira pel, segunda pel), ademais doutras propostas de creación de produtos a desenvolver a medio e longo prazo (Auga de lecer: Miño termal ou Auga de pensar: estadías de meditación).

O cuarto eixe apóiase no principio de que “debemos coñecer cada vez máis a riqueza termal da que dispoñemos porque ese é o camiño para innovar e avanzar”, subliñou Feijóo. A este respecto considerou un “paso importante” a creación dunha cátedra de Hidroloxía pero salientou que o plan presentado hoxe dá un paso máis ao xuntar todas as vías de coñecemento termal arredor do Campus da Auga, que lle permitirá a Ourense ser, ademais de referencia de explotación turística do termalismo, centro de referencia científica neste eido.
O quinto piar no que se sustenta o plan é a promoción termal, fundamentando a cooperación que permitiu a xestación deste proxecto a todas as accións destinadas a darnos a coñecer. “Na gran diversidade do mundo, temos que diferenciarnos e, por iso, a comercialización do destino Ourense, provincia termal, vai ser a principal acción comercial que, no ámbito do interior, vai desenvolver Galicia a partires de xa”, asegurou Feijóo.

Na súa intervención, o xefe do Executivo autonómico incidiu en que o plan presentado hoxe “pon ante nós a convición de que podemos estar entre os líderes mundiais do termalismo”. “Debemos pretender ser líderes porque temos todo o necesario para selo”, abundou, xa que “contamos, en primeiro lugar, cos usuarios”. As máis de 931.000 pernoitas en 2013 demostran que, en poucos anos, o termalismo ten deixado de ser unha proposta residual para converterse na busca recorrente de turistas que asocian un balneario, un talaso ou un spa, a descanso e benestar.

O segundo factor que sitúa Galicia nunha posición privilexiada é a calidade. “Importa, por suposto, ter unha oferta cuantitativa suficiente –contamos con case 6.000 prazas en establecementos de turismo de saúde de Galicia-; pero tan importante coma iso é que esa oferta teña a calidade necesaria e en Ourense e en Galicia haina” enfatizou Feijóo, afirmando que así o demostra o feito de que a maioría dos establecementos de balnearios galegos son de alta gama, representando os aloxamentos de 4 e 5 estrelas o 67% da oferta total, ou como así o pon de manifesto o feito de que Galicia sexa líder en certificacións Q de Calidade no sector de balnearios (das empresas que teñen este distintivo en toda España case unha de cada catro localízase en Galicia).

En terceiro lugar, agregou Feijóo, “contamos cun sector que mantén intacta a inquietude para facer da nosa relevancia termal un sector de éxito e que ademais ten afrontado un proceso de agrupación a través do Clúster Termal”, que xa representa a máis de 50 socios que empregan a case 5.000 persoas; un tecido que inclúe a propietarios de balnearios, operadores, empresas de subministracións, universidades, médicos hidrólogos, fisioterapeutas, en definitiva, en palabras de Feijóo, “convencidos termalistas que apostan pola súa difusión e renovación constante”.

Por último, tamén está garantido o compromiso das administracións de seguir traballando conxuntamente para que Galicia sexa potencia termal. A este respecto, o mandatario autonómico dixo que a elaboración deste plan “proba que non queremos ser meros espectadores, nin moito menos obstaculizar o desenvolvemento da iniciativa privada no ámbito do termalismo, senón que aspiramos a converternos en socios, nun socio institucional de todos os emprendedores do sector”. 


“O termalismo ten retos, ten posibilidades que traballar, pero penso que se pode dicir que os piares que sosteñen o sector son xa suficientemente fortes para afrontar novos desafíos”, sentenciou Feijóo, indicando que conta: “con demanda”, usuarios que cada vez máis se senten atraídos por ese turismo de saúde e benestar; “cunha riqueza de auga”, que admite comparación con calquera outra do mundo; “cun sector activo e emprendedor”; “cunhas administracións implicadas”; e, desde hoxe, conta tamén “cunha folla de ruta que desde Ourense permita reactivar o sector termal para blindar o noso liderado”, concluíu o presidente galego.


Sen dúbida, estamos diante dun Plan co que todos debemos comprometernos, xa que o potencial termal da nosa provincia é innegable.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta.