A vindeira semana no Congreso dos Deputados

A vindeira semana terei unha intensa actividade parlamentaria. O martes, as 10,30 teremos unha nova sesión da Subcomisión de Estudo e Análise do Sistema Ferroviario español, na que comparecerán representantes de tres empresas. Antonio Santiago Moreno Rodríguez. Presidente de ALSTOM ESPAÑA. Alvaro Rengifo Abbad. Presidente de BOMBARDIER EUROPEAN HOLDINGS S.L.U. e Josu Esnaola Altuna. Director de Negocios Internacionais de CAF, S.A. 

Ese mesmo día a partir das 12,00 na Comisión de Economía intervirei como relator no debate do Proxecto de Lei Básica das Cámaras Oficiais de Comercio, Industria, Servizos e Navegación. O Goberno, autor do citado proxecto, consciente da importancia e necesidade das Cámaras como institucións básicas para o desenvolvemento económico e empresarial do noso país, mantén a súa natureza como corporacións de dereito público, garantindo o exercicio das funcións público-administrativas que, no actual contexto económico, teñen unha especial relevancia de cara á rexeneración do tecido económico e a creación de emprego e conságrase a súa finalidade de representación, promoción e defensa dos intereses xerais do comercio, a industria, os servizos e a navegación, así como a prestación de servizos a todas as empresas. 

Os diferentes Grupos Parlamentarios, presentaron 126 enmendas, que aprobáremos ou transaremos en boa medida, e finalmente votaremos este Proxecto no que a Comisión ten competencia lexislativa plena.

 A partir das 16,00 do martes, comeza o Pleno do Congreso dos Deputados co debate de toma en consideración da proposición de lei do Parlamento de Cataluña de medidas contra o sobreendebedamento persoal e familiar e de protección ante procedementos de execución hipotecaria da vivenda habitual. 

A continuación decidirase se se inicia a tramitación da proposición de lei do Grupo Parlamentario Popular de reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial, relativa á xustiza universal. 

O Pleno debaterá tamén dúas proposicións non de lei, a primeira, do Grupo Popular sobre divulgación das novas características e beneficios para o sector agrario e para a sociedade da Política Agraria Común (2014-2020). 

 A segunda proposición non de lei é do Grupo Parlamentario Socialista, sobre retirada do anteproxecto de Lei Orgánica polo que o Goberno pretende revisar a lexislación vixente en España sobre saúde sexual e reprodutiva e interrupción voluntaria do embarazo.

 Por último están previstas para o martes as mocións consecuencia de interpretacións urxentes do Grupo Socialista sobre a política do Goberno en materia de loita contra a pobreza e a exclusión social; de CiU sobre medidas a adoptar para loitar contra o desemprego e para impulsar a creación de postos de traballo; e de IU, ICV-EUiA, CHA, sobre a política do Goberno en materia de saúde sexual e reprodutiva e interrupción voluntaria do embarazo.

 O mércores continuarase o Pleno ás 9,00 horas para celebrar a sesión de control ao Goberno e debater as interpretacións urxentes. 

O xoves, á mesma hora, comezará co debate sobre a validación ou derrogación do Real Decreto-Lei 1/2014, de 24 de xaneiro, de reforma en materia de infraestruturas e de transportes, e outras medidas económicas.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta.
Con la tecnología de Blogger.