Falando da Autopista AP-9 en Radio Voz

Hoxé tivemos o habitual faladoiro en Radio Voz.

A moderadora Antía Díaz Leal propúxonos falar da noticia que hoxe publica “La Voz de Galicia” da aparición dun “documento inédito” do xefe de maquinistas da provincia de Ourense elaborado o 26 de decembro do 2011, ano e medio antes do accidente de Angrois, no que relataba unha serie de “anomalías” na nova liña de alta velocidade Santiago-Ourense, entre as que destacaba o “brusco” descenso da velocidade na curva onde se produciu o sinistro, á vez que reclamaba medidas de seguridade como limitacións permanentes de velocidade a 80 quilómetros por hora para evitar males maiores neste tramo. Comunicación que parecería ter remitido por ese maquinista ao seu superior inmediato, o coordinador dos maquinistas de Renfe en Galicia.

Dixen que descoñecía a existencia deste documento, pese aos meses transcorridos desde o accidente, e que sen dúbida será o Xuíz o que valore a súa eficacia, a transcendencia, e sacará conclusións. A raíz deste tema falamos da seguridade do noso sistema ferroviario, que ao meu xuízo está fóra de toda dúbida e do compromiso en mellorala.

Logo propúxonos Antía Díaz que falásemos sobre a Autopista AP-9 e a problemática suscitada sobre a contía das peaxes e sobre a sua posible transferencia á Xunta de Galicia.

Dixen que as peaxes a partir de xaneiro de 2014 subiron, en total un 1,85 por cento de media no conxunto das 28 vías de pago que seguen en servizo en España, incluída xa que logo a AP-9. E que este incremento, que certamente é superior á inflacción, é inferior ao 2,40% do ano 2013 e supón o menor aumento desde 2011.

Recordei o esforzo realizado polo Ministerio Fomento de Ana Pastor para mellorar e ampliar a capacidade da AP- 9 (ampliación de Rande, ampliación entrada Santiago, ampliación Alfonso Molina) e para abaratar as peaxes. Neste sentido falei da bonificación nas viaxes de volta aos vehículos lixeiros no tramo Pontevedra-Vigo da autopista AP-9 que grazas ao compromiso de Ana Pastor, entrou en vigor o 13 de febreiro de 2013. E que desde esa data ata o 31 de decembro de 2013, bonificáronse 1.412.294 percorridos que corresponden a 87.128 usuarios distintos. O importe total da bonificación (75%) ascendeu nese periodo a 3.196.343 euros.

Sobre a transferencia da AP- 9 á Xunta, opinei que a petición ten o amparo legal no artigo 27 do Estatuto de Autonomía de Galicia. Dixen que é unha reclamación histórica de diversos gobernos da nosa Comunidade Autónoma. O bipartito do PSdeG e BNG, e máis en concreto o Vicepresidente Quíntana, reclamou esa transferencia e se encontrou coa negativa do Goberno central do presidente Zapatero.

 Tamén aludín a un debate no que participei no Pleno do Congreso  no ano 2009 no que aprobamos PSOE-BNG e PP unha moción na que pediamos que “nun marco de diálogo conxunto entre o Goberno do Estado e a Xunta, analizásese a funcionalidade actual na rede de estradas do Estado, das autopistas de peaxe AP-9 e A-53 que determine, no seu caso abordar o traspaso á Xunta de Galicia das funcións e servizos en materia de estradas correspondentes a estas autopistas, e así mesmo a analizar a política tarifaría destas autopistas”. 

Recordei que naquela data a Ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, consideraba difícil a transferencia aducindo que a AP-9 era tamén unha vía de conexión internacional con Portugal e dicía que “sen trazado alternativo non se poderá proceder á transferencia”

Dixen que na Comisión Bilateral que se celebrou o 2 de febreiro de 2010, entre as demandas da Xunta, de Feijóo estaba o traspaso da AP9 e a AP53.

E que en coherencia respecto ao actual Goberno do Estado, a Xunta reiterou en marzo de 2012 as propostas de traspaso nun escrito dirixido ao ministro Montoro, entre as que se atopaban de novo as citadas autopistas.

Así que dixen que me parecía coherente que a Xunta manteña estas reclamacions. E que é o momento de falar con serenidade e de valorar o conxunto de circunstancias (económicas e legais) que rodean a esta pretensión.



Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta.
Con la tecnología de Blogger.