martes, 26 de noviembre de 2013

Notable incremento dos viaverios en trens de longa distancia e alta velocidade

O pasado 13 de novembro recibimos na Comisión de Fomento a comparecencia do presidente de Renfe Operadora, Julio Gómez- Pomar Rodríguez. Ademais de falar do novo modelo empresarial e das novas 4 sociedades estatais: Renfe Viaxeiros, Renfe Mercancías, Renfe Aluguer de Material Ferroviario e Renfe Fabricación e Mantemento, tamén informóu sobre a nova política tarifaria nos trens de alta velocidade implantada o pasado 8 de febrero.
 Dixo que ten como obxectivo fundamental conseguir unha maior utilización dos servizos ferroviarios de viaxeiros e, en particular, os de alta velocidade.

E deu entre outros os seguintes datos relativos a 2012: Renfe transportou algo máis de 463 millóns de viaxeiros; deles, 410 millóns fixérono nos servizos de proximidade e 31 millóns en trens de media distancia e 22 millóns, utilizaron os chamados servizos comerciais de longa distancia e trens de alta velocidade.

En concreto, e seguindo coas cifras de 2012, 10 millóns de clientes utilizaron os servizos de longa distancia e 12 millóns os trens de alta velocidade.

Sinalou que a evolución do mercado de transporte peninsular de longa distancia -tren, avión e autobús- está en retroceso desde 2008.  Só en 2012 a taxa de variación interanual en ano móbil das viaxes peninsulares de longa distancia foi do -5,6% e a dos vehículos-quilómetro de coche do -3,6%.

E explicou que ante esa situación en Renfe suscitaron que era precisa unha nova política comercial para recuperar viaxeiros e ingresos e gañar cota de mercado. Por iso, xa en 2012 adoptaron unha serie de medidas, entre outras: revisar e axustar os horarios de todos os trens permitindo unha mellor interconexión con mellores tempos de enlace; tamén puxeron en marcha os billetes combinados que permiten viaxar en dous ou máis trens diferentes cun único billete e con garantía de enlace. Desta forma puxeron xa á venda máis de 100 rutas e máis de 450 novos servizos combinados. Eliminaron os gastos de xestión pola emisión de billetes no sistema de venda en liña e minoraron o tempo mínimo para compra, anulación ou cambio de billetes por Internet, pasando de 90 minutos de antelación á saída de tren en orixe a só 15 minutos na estación de inicio da viaxe do cliente. Implantaron o billete no móbil sen necesidade da súa impresión en papel. Crearon novas clases e tarifas: turista plus, que permite viaxar en preferente sen servizos adicionais por un prezo pouco superior ao da clase turista, e as tarifas mesa ou as tarifas de grupo, dirixidas a facilitar a viaxe de grupos. Fomentaron a utilización dos servizos de proximidade de modo que calquera viaxeiro dos servizos de longa distancia ou de alta velocidade pode utilizar gratuitamente os trens de proximidade para conectar co seu tren de longo percorrido.

En relación coas tarifas de alta velocidade e para mellorar as ocupacións e o aproveitamento dos trens, ampliar a base de clientes e optimizar os investimentos realizados pola sociedade española, implantaron novas medidas co obxectivo de achegar o AVE a un maior número de persoas, mellorar as condicións de viaxe para os viaxeiros habituais para fomentar o seu fidelización e captar viaxeiros novos.

E logo de explicar con detalle esas medidas informou que as previsións de Renfe estanse cumprindo, xa que nos dez primeiros meses de 2013 os viaxeiros do conxunto de trens de longa distancia e alta velocidade incrementáronse nun 12,2% e os ingresos nun 1,3%. Tomando en consideración que os datos tendenciais auguraban que a estas alturas do exercicio a caída sería de case o 3% en viaxeiros e máis do 5% en ingresos, afirmou que as medidas están cumprindo os obxectivos fixados.


Afirmou que desde a data de implantación das medidas, o pasado mes de febreiro, os viaxeiros dos trens AVE incrementáronse nun 22%, o que supuxo un incremento de máis do 6% nos ingresos.

Por corredores, destacou os crecementos en viaxeiros das relacións de Cataluña con Andalucía, con taxas superiores ao 26%. O resto de corredores de alta velocidade tamén aumentaron o número de viaxeiros en porcentaxes que van de algo máis do 16% para o Madrid-Zaragoza-Barcelona, ao 7,1% no Madrid-Sevilla.

A ocupación -número de viaxeiros entre número de prazas dos trens de alta velocidade pasou do 66,1% en 2012 ao 74,3% en 2013, mellorando en máis de 8 puntos porcentuais.

Dixo que desde a data de implantación da nova política comercial, o día 8 de febreiro, viaxaron en servizos AVE 10,9 millóns de viaxeiros, case 2 millóns de viaxeiros máis que no mesmo periodo de 2012.

Respecto da incidencia da nova política tarifaria e de servizos ferroviarios en Galicia, Gómez-Pomar informou sobre un balance do ano 2013 francamente positivo, acreditado cun incremento do 52% no número de viaxeiros e do 37% nos ingresos, moito máis que a mellor das liñas de AVE.


Engadiu que Galicia, tivo unha resposta espectacular para os novos servizos que se implantaron.
 Agardemos que estos bos datos continúen no tempo.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta