viernes, 29 de noviembre de 2013

O Observatorio Económico Ourensán constata sinais de reacción e recuperacion

Onte tiña Pleno en Madrid e por iso non puiden asistir ao acto no que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" o terceiro informe do Observatorio Económico Ourensán. 

Pero pola importancia deste documento quero facer constar neste Blog, boa parte das informacións divulgadas na nota de prensa pola Deputación Provincial.

No citado informe destaca unha rebaixa no paro interanual na provincia de Ourense, que se mantén como a provincia galega con mellor evolución –con amplos diferenciais positivos sobre as medias de Galicia e España-, se ben a melloría que se ven producindo no último ano na evolución do paro rexistrado non se está a manifestar aínda no comportamento das afiliacións á Seguridade Social, nin tampouco na recuperación no número de unidades locais ou centros de traballo.

O Observatorio Económico Ourensán recolle que o pasado mes de outubro marcou en certo modo un fito laboral desde o inicio da crise, xa que por segunda vez desde decembro de 2007 a taxa de paro interanual tivo signo negativo. Esta situación só tivera ata agora un precedente, o do pasado mes de xullo, pero daquela a redución limitárase ao 0,5%, fronte ao descenso do 1,1% anotado en outubro.

O presidente Manuel Baltar explicou que esta terceira entrega do Observatorio Económico Ourensán "contén sinais de reacción e de recuperación". "Os síntomas da enfermidade –dixo- principian por fin a remitir, pero o desgaste e a debilidade acumulados son tan acusados que cada cambio de tendencia en calquera estatística esixe unha larga espera e un esforzado traballo entre todos os axentes económicos e sociais".

Afiliacións e unidades locais:

O informe do Observatorio reflicte que a recuperación do paro aínda non se estende nin ás afiliacións, nin ás unidades locais. O número de cotizantes á Seguridade Social caeu no último ano en cada unha das doce comarcas da provincia, con descensos comprendidos entre o 1 e o 8%. Mentres, a taxa provincial repite exactamente o mesmo valor que presentaba a estas alturas do 2012, cunha perdida interanual do 2,6% dos afiliados.

Pola súa banda, a estatística de centros de traballo tampouco pasou ao terreo positivo. Segundo os últimos datos dispoñibles, correspondentes a finais de 2012, o ano pasado pechou igualmente cun descenso interanual do número de unidades locais. En concreto, a provincia perdeu o 0,73% e pasa a acumular desde o inicio da crise unha diminución do 2,1%.

Con todo, Ourense sigue a ser o territorio menos castigado pola crise desde a perspectiva das tres variables en estudo: o paro rexistrado, as afiliacións e o censo de unidades locais. No paro interanual, a baixada provincial do 1,1% contrasta co leve repunte de Galicia (0,1%), onde só A Coruña (-0,2%) se sumou a Ourense á hora de reducir o número de desempregados.

Nas afiliacións, o descenso ourensán do 2,6% está moi por debaixo dos outros tres rexistros galegos: A Coruña (-3,5%), Lugo (-4,1%) e Pontevedra (-4,5%). Non obstante, no último semestre esta provincia cedeu parte do seu diferencial positivo coas outras provincias galegas, nas que se suavizou máis a perdida de afiliados.

E no tocante ós centros de traballo, o descenso que acumula Ourense desde o inicio da crise é proporcionalmente a metade da que sufre o conxunto da Galicia. É dicir, esta provincia pechou unidades locais á metade de ritmo que a comunidade.

Un semestre en melloría:

O informe constata que desde a presentación da segunda edición do Observatorio, en xuño de 2013, seis comarcas foron capaces de mellorar a súa a taxa interanual de afiliacións (Carballiño, A Limia, O Ribeiro, Celanova, Trives e Valdeorras), e o mesmo aconteceu en 48 concellos. A propia comparativa entre Observatorios reflicte asimesmo que a taxa interanual de paro mellorou en oito comarcas -en todas agás en Allariz-Maceda, A Baixa Limia, Terra de Celanova e Viana-, así como nun total de 50 municipios.

Na actualidade, unha comarca (Trives) e 16 concellos xa teñen hoxe máis centros de traballo que antes de que principiara a crise. Ao mesmo tempo, catro municipios (Barbadás, Pereiro de Aguiar, San Cibrao e Allariz) suman hoxe máis afiliados que hai cinco anos, e tres (Entrimo, Monterrei e Vilar de Barrio) fan posible que descenda a taxa quinquenal de paro rexistrado, como si os seus respectivos mercados laborais vivisen alleos á dobre recesión económica.

Sector servizos:

Esta terceira entrega do Observatorio Económico Ourensán dedica unha análise especial ao sector servizos, como continuidade dos capítulos de afondamentos realizados nas dúas edicións anteriores (o sector tecnolóxico e o sector industrial). O estudo analiza de xeito individual e agrupado as ramas do comercio; do transporte e almacenamento; da hostalaría; da información e comunicacións; das actividades profesionais, científicas e técnicas; e das actividades administrativas e servizos auxiliares.

En primeiro lugar, precisa que o sector servizos aporta o 39% do VEB da provincia e impulsa o 38,1% das afiliacións totais, con preto de 38.000 cotizantes no sistema da Seguridade Social. Case a metade desas afiliacións corresponden ao comercio, xa que asina o 46,6%, seguido pola hostalaría, co 20,6%. Por comarcas, o sector concéntrase en Ourense (56%), mentres que Carballiño ocupa o segundo posto do ranking provincial, co 8,3%. Aínda que nos servizos tamén houbo caída de afiliacións (-1,4%) no último ano, o comportamento foi mellor que no conxunto da economía ourensá (-2,6%) e da galega (-3,2%).

A doce meses, tres comarcas mesmo foron quen de incrementar o número de afiliacións en comparación co ano anterior: Verín (2%), Carballiño (1,5%) e A Limia (0,5%).

Por ramas de actividade, houbo incrementos nas actividades profesionais (1,6%) e na hostalaría (1,1%), en claro contraste cos dous grupos que soportaron unha maior destrución de emprego, a información e comunicacións (-7,8%) e as actividades administrativas (-4,3%).


Felicitar o traballo de análise económica deste Observatorio nacido da implicación das institucións (Deputación e Inorde), a universidade e o ámbito empresarial, elaborado por un equipo multidisciplinar de profesionais e universitarios especializados.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta