viernes, 18 de octubre de 2013

Orzamentos realistas e solidarios da Xunta para 2014

Hoxe tivo lugar a aprobación no Consello da Xunta do Proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En roda de prensa, o Presidente Alberto Núñez Feijóo puxo de manifesto que se trata do presuposto menos restritivo desde que comezou a crise, así como que por primeira vez as contas autonómicas prevén rematar o vindeiro exercicio con crecemento económico, con redución dos niveis de desemprego e dando continuidade á converxencia co resto de España.

Ao seu entender, isto é froito da política rigorosa que se ven practicando desde os últimos cinco anos e, de feito, contrapuxo a estabilidade dos presupostos para 2014, que se manteñen en niveis moi similares aos do pasado ano, coas caídas de exercicios anteriores, que chegou a alcanzar o 10 por cento en 2011. Consciente disto, a Xunta continuará en 2014 coa aposta ininterrompida pola solvencia de Galicia, de xeito que seguirá avanzando nunha maior eficiencia a través da contención do gasto corrente e garantindo o cumprimento dos criterios de déficit, fixado no 1% o vindeiro ano.

As contas do próximo ano afondan na política fiscal practicada ao longo de toda a crise. Así, por un lado, increméntanse os esforzos para detectar aos que non cumpren coas súas obrigas ao dar continuidade ao Plan contra a Fraude Fiscal, que xa permitiu recadar arredor de 230 millóns de euros dende 2011 e que o vindeiro ano espera incrementar esa cifra con 50 millóns de euros adicionais. 

Por outra banda, continúase unha política fiscal selectiva, que ten como obxectivo garantir a sustentabilidade dos servizos públicos e promover unha maior competitividade das familias e dos sectores produtivos.

Con este dobre obxectivo, o Goberno galego ten decidido preservar ao transporte de mercadorías e viaxeiros, á pesca e á gandería, e á calefacción das familias, da homologación do céntimo sanitario ao resto de España, unha decisión encamiñada na súa totalidade a blindar o presuposto para a Sanidade Pública. 

Tamén reforza a aposta polas rebaixas de impostos ao máximo posible para seguir sendo, como ata agora, a comunidade que máis reduciu a presión fiscal aos cidadáns a pesar da crise económica con 23 rebaixas de impostos que supoñen 116 millóns de euros.

En materia fiscal o Goberno autonómico márcase para o vindeiro exercicio o triple obxectivo de beneficiar aos que máis o necesitan, incentivar os sectores produtivos da economía galega e reforzar o gasto social na Comunidade.

Deste xeito, a Xunta aproba unha rebaixa do tramo máis baixo do IRPF que beneficiará a sete de cada dez contribuíntes, achegará máis progresividade e permitirá ter máis renda dispoñible aos que menos ingresos teñen. Con esta medida, Galicia convertirase -xunto a Estremadura- na comunidade autónoma co tramo de IRPF máis baixo para as bases liquidables de ata 17.700 euros.

Ademais, o Goberno galego aumentará as deducións para favorecer a natalidade e a conciliación familiar e laboral. Tamén incentivará con deducións ao sector das enerxías renovables e facilitará o relevo xeneracional nas empresas, elevando a un ano o período no que as persoas doadoras de empresas individuais, negocios profesionais ou participación de entidades deben deixar de exercer funcións de dirección, e a percepción de remuneracións polo exercicio das devanditas funcións.

Crecemento solidario:

O presidente subliñou a aposta dos presupostos por facer posible un crecemento solidario apoiado en tres aspectos clave.

 En primeiro lugar, apoiando aos que máis o precisan e, por iso, malia as restricións orzamentarias, crece o presuposto para a dependencia, para a Risga, para axudas de emerxencia social e para comedores escolares. Así, o gasto en dependencia superará os 278 millóns de euros, máis do dobre que en 2009.

En segundo lugar, blindando a todo risco as prestacións públicas esenciais, ás que se destinarán en 2014 case o 80% do total do orzamento. Deste xeito, desde 2009, auméntase en máis de 10 puntos o peso dos recursos destinados aos servizos públicos, e séguese incrementando o peso do gasto social que nunca foi máis amplo en Galicia.

En terceiro lugar, as contas autonómicas encamíñanse a lograr un desenvolvemento común dos cidadáns e dos sectores produtivos. Con este último obxectivo, reflicten o compromiso que a Xunta adquiriu con todos aqueles que queiran investir en Galicia a través da Lei de Emprendemento, co obxectivo de mobilizar máis de 50 millóns o vindeiro ano para os emprendedores. Así mesmo, refórzase unha das principais novidades incluída nos presupostos do pasado ano como foi a creación dun Fondo para o Crecemento.

De xeito concreto, increméntase a dotación cuantitativa de forma importante, que ascende a 412 millóns de euros, un 7% máis que no presente exercicio; pero cun aspecto cualitativo máis importante, porque supón seguir priorizando as medidas que responden aos obxectivos do Plan Estratéxico de Galicia, baseados na aposta polo desenvolvemento sostible, pola innovación e pola internacionalización.

Presupostos realistas:

Trátase, segundo Feijóo, de poñer as condicións necesarias para que a economía galega siga tendo un comportamento mellor que o conxunto de España, manteña tamén o diferencial positivo respecto á taxa de paro nacional; e que logre por primeira vez ver crecer a súa economía e ver reducido os niveis de desemprego.

Concellos e universidades:

Pola súa banda, a conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, incidiu en que por primeira vez desde que se iniciou a crise, Galicia recuperará taxas positivas de crecemento –un incremento do 0,8% do PIB autonómico, dúas décimas máis do previsto- e as compatibilizará cun descenso da taxa de desemprego, que se reducirá cinco décimas respecto ao estimado e baixará ata o 21,7%.

Así mesmo, Elena Muñoz fixo fincapé en que en 2014 o Goberno galego continuará co esforzo en áreas clave, como os concellos. E, a Administración local recibirá, deste xeito, 113 millóns de euros a través do Fondo de Cooperación Local.

“Mantemos o esforzo pese a que as disponibilidades de recursos da Xunta son menores”, aseverou, logo de destacar, tamén, o importante esforzo no financiamento das universidades, con 36,5 millóns de euros máis que en 2009.