No Congreso local do PP de Celanova

Hoxe estiven en Celanova, para asistir ao Congreso Local do PP deste Concello. Acto político ao que asistiron unhas duascentas persoas entre afiliados e simpatizantes e que tivo lugar no salón de actos do claustro barroco do impresionante Mosteiro de San Salvador.

José Luís Ferro Iglesias foi elixido novo presidente local do Partido Popular de Celanova co 100% de apoio dos compromisarios que votaron.

Nun centrado discurso Ferro agradeceu o apoio unánime recibido polos electores populares do congreso afirmando que afrontaba con humildade, gratitude e ilusión esta responsabilidade para que Celanova siga a ter unha maioría popular. Tivo sentidas palabras de agradecemento para o seu predecesor Antonio Mouriño, que abriu o Congreso, facendo un discurso no que deu conta da sua xestión, chea de avances e progreso para a sua querida Vila.

Presentou Ferro un completo equipo de traballo, que combina experiencia e xuventude, e un ambicioso programa no que se contempla a modernización do partido, a potenciación das novas tecnoloxías, abrir a sede do PP aos cidadáns, para que sexa un punto de referencia na vila, e potenciar o contacto cos pobos do rural. Pero, por riba de todo, Ferro dixo que a comunicación directa cos veciños será a súa máxima dedicación "para que entre todos fagamos un PP e unha Celanova máis grande".

Clausurou o Congreso, o presidente provincial do PP de Ourense, Manuel Baltar, quen agradeceu o inxente  traballo de Antonio Mouriño  e ponderou as cualidades do novo presidente local.

Afirmou que hoxe é un momento difícil para facer política, "pero cando faltan recursos é verdadeiramente cando se necesita unha política con maiúsculas para xestionar con eficacia e rigorosidade". "Os populares somos máis –engadiu Baltar- porque somos quen de presentar sempre propostas en positivo e por iso temos o apoio electoral que sempre os cidadáns nos dan elección tras elección".

Parabens ao novo presidente José Luís Ferro, que ten unhas excelentes cualidades, e agradecemento a Antonio Mouriño polo traballo realizado.



Si desexa comentar esta entrada, pode escribir un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta. Grazas.


Con la tecnología de Blogger.