Hoxe acudín a Expourense, onde tivo lugar a apertura da XIII edición da Feira Internacional de Turismo Termal, Termatalia
No acto inaugural o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que Galicia aspira a seguir sendo un referente turístico e un destino para todos os gustos e para todos os públicos.
E, neste sentido, afirmou que a Xunta seguirá a impulsar a política termal de Galicia: “Fixémolo a través da innovación en diferentes ámbitos do termalismo e Galicia conta cun Cluster Termal, coa primeira Cátedra de Hidroloxía Médica e con numerosos masters oficiais de turismo”.
Así mesmo, lembrou que Galicia é a comunidade con máis distincións Q de Calidade nos seus establecementos termais e avogou por seguir traballando no eido da promoción da oferta termal “para dar a coñecer ao mundo que Ourense e Galicia é un destino termal en Europa e España.
E iso, -engadiu- témolo que seguir facendo a través de iniciativas específicas en colaboración coa Asociación Galega de Balnearios”.
“Imos seguir traballando neste sector, acreditar que somos unha potencia no ámbito do turismo termal como acredita o feito de que Ourense e o conxunto de Galicia ofertan máis de 2.800 prazas de termalismo e desas 2.800, o 75% de 4 e 5 estrelas. Supoñemos o 20% de toda a oferta termal de España sendo un 6% de poboación”, aseverou.
Ao longo da súa intervención, Feijóo insistiu en que o turismo é “unha industria que non contamina” e que supón en Galicia máis de 100.000 empregos e o 11% do PIB.
O titular da Xunta destacou que o sector do Turismo está recuperando músculo en España e que Galicia volveu este verán a mellorar as súas ratios de ocupación. “O Turismo volveu ser un dos elementos fundamentais da mellora da nosa economía. A porcentaxe de ocupación do 75% -ocupación media do sector hoteleiro en Galicia no mes de agosto-, acredita que estamos nunha posición de incremento, como tamén o acredita o incremento de peregrinos nestes oito meses en máis dun 12%”.
Alberto Núñez referiuse a Termatalia como un centro de negocios internacional de turismo da saúde. “É evidente –dixo- que estamos ante unha actividade que só pode seguir crecendo e consolidándose”.
Tamén avanzou a presentación neste ano 2013 de Ourense Provincia Termal, “para que Ourense –dixo- non só se confirme senón que proxecte cara ao futuro as capacidades de provincia termal de España”. “Imos cumprir co compromiso de presentar un produto para toda Galicia e para toda España. Ourense Provincia Termal é un produto que a Xunta vai plantexar dentro da oferta turística de Galicia e que imos levar aos touroperadores e ao resto de España”, afirmou, logo de precisar que esta iniciativa “non só debe ser un slogan senón que ten que ser un estudio rigoroso, con análises rigorosas e con propostas rigorosas; un plan director”.
Si desexa comentar esta entrada, pode escribir un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta. Grazas.
Si desexa comentar esta entrada, pode escribir un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta. Grazas.