lunes, 23 de septiembre de 2013

Feijoo: " Os que negaron a existencia da crise xa están na oposición "

Esta maña estiven en Compostela, asistindo ao almorzo informativo organizado por Nueva Economía Forum-Tribuna Galicia, no que intervia o presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijoo.

Afirmou que tiña vontade de  contar coa colaboración dos grupos políticos da oposición e, con ese obxectivo, avanzou que a Xunta solicitará á Cámara parlamentaria esta mesma mañá a celebración do Debate do Estado da Autonomía para o vindeiro mes de outubro, antes de que se cumpra un ano da súa toma de posesión como Presidente.

 Feijóo cualificou o Debate de “conveniente e oportuno” para superar tres aspectos que, ao seu entender, están sendo especialmente prexudiciais para a vida política galega.

Segundo explicou, o primeiro deles ten que ver coa propia credibilidade dos políticos, algo que, con máis ou menos intensidade, dixo, aféctalle a todos os partidos. E, neste sentido, afirmou que a acción política debe ser cada día un antídoto contra os que teiman por presentar a actividade pública “como algo contaminado do que ten que afastarse o home ou a muller cabal. De novo é preciso loitar contra esa idea malévola que fai do nocivo caso particular, unha categoría. Non soamente é inxusta, senón que socava os alicerces da nosa convivencia”. 

Como segundo aspecto, o responsable do executivo autonómico referiuse á escalada de radicalización que se pretende instalar desde algúns ámbitos na actualidade política. E, amosouse convencido de que esa tendencia atópase nas antípodas do lugar que ocupan a meirande parte dos galegos, “que nin se ven representados en comportamentos agresivos, nin na defensa dun nacionalismo reactivo, nin moitísimo menos na condescendencia con actitudes violentas condenadas pola Xustiza”.

Feijóo aseverou que o galeguismo que une os galegos entre si e cos demais pobos de España, de Europa e do mundo contraponse a ese nacionalismo obsoleto e illante. “O galeguismo inspirado en Galicia diferénciase do nacionalismo que intenta emular modelos foráneos que nada teñen que ver coa realidade galega”, incidiu.

Así mesmo, avogou por desbotar a visión pesimista que se ofrece desde eidos determinados, xa que, como proban as cifras, a situación é mellor que a que había hai dous anos. “É mellor a nivel nacional, toda vez que se despexou completamente o risco de rescate. E é mellor desde a perspectiva galega “, aseverou, logo de precisar que en 2014 se espera que os datos melloren con dúas previsións “coas que estamos traballando na elaboración dos orzamentos para o vindeiro ano: que o paro baixe por primeira vez desde que comezou a crise e que a economía volva crecer”.

Entre todos estes datos, Feijóo destacou que: Galicia é a terceira comunidade onde máis baixou o paro en agosto e xa encadea 6 meses consecutivos de baixadas; o seu PIB segue tendo un mellor comportamento que o do conxunto do Estado, tendo neste segundo trimestre o mellor dato desde o ano 2011 –no PIB do ano 2012 España tivo unha recesión do 1,6% e Galicia do 0,9%-; e o seu Índice de Produción Industrial sitúaa na terceira comunidade con mellor comportamento neste 2013.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta aseverou que, se ben anda queda moito camiño por percorrer, grazas á conxunción entre un goberno decidido e a acción responsable dos galegos, Galicia ten respondido ante a crise coa responsabilidade necesaria, coa estabilidade suficiente e coa solidariedade necesaria.

O presidente do executivo autonómico lembrou que a responsabilidade permitiu que a Xunta sexa hoxe a nacionalidade histórica con menos consellerías; teña un 40% menos de asesores e persoal de confianza que en 2008 e unha Administración paralela que se sitúa en niveis de 2003, con 40 millóns de euros de aforro anual que se irán incrementando a medida que se vaia desenvolvendo a terceira fase de racionalización.

Galicia é tamén unha comunidade solvente, que ten a confianza dos mercados para poder colocar toda a débeda deste ano en tempo record, en lugar de ter que aceptar o rescate do Goberno central; e que ten ademais a posibilidade de ir reducindo progresivamente a débeda, como se demostrou no segundo trimestre do ano cunha caída de 128 millóns de euros. “Somos a segunda comunidade na que menos medrou a débeda desde 2009”.

Pero nese esforzo, Feijóo matizou que a Xunta non estivo soa; “e miles de galegos están actuando a diario coa responsabilidade que esixe a situación desde hai varios anos: os empregados públicos que perciben as pagas extras cos mesmos criterios que ata 2007 (época de bonanza); os docentes que homologaron a súa xornada laboral ao resto das comunidades; os profesionais sanitarios que fan unha prescrición farmacéutica máis racional; os pacientes que multiplicaron por catro o consumo de medicamentos xenéricos; ou as familias que pagan segundo a renda os comedores escolares ou os libros de texto para que o 70% dos galegos que teñen menos ingresos non paguen nada ou paguen só un euro en comedores e para que os 70% poidan acceder ás axudas para os libros de texto”.

Galicia ten respondido, así mesmo, coa estabilidade suficiente para non só poder esquivar as subas xeneralizadas de impostos, senón aplicar rebaixar selectivas de impostos por valor de 116 millóns de euros que beneficiaron a 167.000 contribuíntes. E ten respondido coa solidariedade necesaria para atender as necesidades das persoas que peor o están pasando, incrementando en máis do 50% o orzamento da RISGA e, na mesma porcentaxe, as axudas de emerxencia social.

No eido educativo, Feijóo resaltou que a Comunidade galega conta coas taxas universitarias máis baixas de España, ampliou as bolsas, conta con máis prazas de FP e sigue a apostar polas tecnoloxías e polos idiomas ou as infraestruturas educativas alí onde se precisan. “E a mesma vontade tennos guiado para avanzar na mellora dunha sanidade pública no que a infraestruturas axeitadas se refires –con seis hospitais públicos de nova construción e con importantes ampliacións en marcha; con menos esperas, e queremos protocolizar a Lei de Espera máxima; ou con tecnoloxía máis moderna, e acabamos de licitar a renovación da dotación tecnolóxica de todos os hospitais do Servizo Galego de Saúde”.


Si desexa comentar esta entrada, pode escribir un correo a celso.delgado@congreso.es 
 Recibirá resposta. Grazas.