Nesta entrada quero ratificar as palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que lamentou esta mañá que o comisario europeo da Competencia, Joaquín Almunia, confirmase unha decisión “inxusta e irresponsable” para o naval e que defendeu recorrela pola vía xudicial.
Neste sentido, avanzou que xa solicitou formalmente ao Goberno de España que a decisión adoptada hoxe pola Comisión Europea sobre o tax lease sexa recorrida, e que ese recurso inclúa a petición de suspensión cautelar dos seus efectos sobre os investidores dos estaleiros.
Comparto con Feijoo a calificación da resolución adoptada hoxe polo colexio de comisarios de “cuestionable xuridicamente”, “pouco responsable” desde o punto de vista económico e “insensible socialmente”.
“Sendo isto así –engadiu- non imos, en ningún caso, darnos por vencidos e imos seguir traballando para garantir o futuro do sector naval”. Por iso, adiantou, “acabo de manter unha conversa co ministro de Industria onde lle solicitei formalmente que o Reino de España recorra ante o Tribunal de Luxemburgo esta decisión e que, ademais, solicite no recurso a suspensión dos efectos económicos desta resolución para a devolución que lles solicita aos investidores”.
Considerou Feijóo que “se o Tribunal de Luxemburgo acepta a suspensión cautelar, teriamos, sen ningunha dúbida, resolto durante bastante tempo o panorama desde o punto de vista de non ter que devolver cantidade ningunha ata que se Luxemburgo resolva”.
A realidade e que “hai argumentos xurídicos suficientes para gañar ese pleito” sobre a base dos principios “de discriminación positiva, de proporcionalidade, de seguridade xurídica e de inacción”.
Referiuse o presidente da Xunta ao tempo transcorrido desde que, no ano 2006 Holanda presentou a reclamación, e Unión Europea non abriu o expediente sobre o tax lease e remarcou que a Unión Europea estivo 6 anos sen abrir un expediente a España. En consecuencia, como dicía Feijoo, “non nos parece, en ningún caso, achacable nin ao Goberno socialista naquel momento, ni aos estaleiros, nin ás comunidades autónomas, a inacción da UE”. E preguntouse por que, se Francia non tivo que devolver as axudas, ten España que devolvelas. Ao seu xuízo estes son “argumentos moi potentes”.
Salientar tamen que o presidente galego avanzou, ademais, que “o Ministerio de Industria, a Xunta de Galicia e as Comunidades Autónomas afectadas” seguirán “concretando unha folla de ruta nos próximos días coa Axencia Tributaria, co Ministerio de Facenda, cos investidores e co sector naval para ver cómo atopamos unha solución, a menos mala, para que impacte o menos posible no futuro do sector naval”.
Engadiu que “hai capacidade” para interpretar a resolución de xeito que sexa compatible “coa posibilidade de seguir facendo barcos e coa posibilidade de atopar financiamento para facer barcos nos estaleiros de Galicia”.
Decisión “cuestionable, pouco responsable e insensible”
Na súa comparecencia, o presidente galego explicou os razoamentos polos que a resolución adoptada na mañá de hoxe é “cuestionable xuridicamente”, “pouco responsable” desde o punto de vista económico e “insensible socialmente”.
Respecto ao primeiro deles, Feijóo incidiu en que se trata dunha decisión cuestionable xuridicamente “toda vez que fomos constatando que a decisión se foi cambiando a medida que transcorrían os días e as semanas”. “Parécenos que é cuestionable xuridicamente porque é desproporcionada e porque é discriminatoria; é cuestionable xuridicamente porque España é tratada de forma distinta a como foi tratada Francia -a España pídeselle que se pague con efectos retroactivos e Francia non tivo un só euro de devolución con efectos retroactivos-; é cuestionable xuridicamente e acredítase que é así porque inicialmente non tiñan que pagar os estaleiros, pero si os armadores e os investidores, e agora non teñen que pagar os estaleiros nin os armadores, pero si os investidores; e é cuestionable xuridicamente porque, en principio, tiña que pagarse desde o ano 2002, despois desde o ano 2005 e agora só a partir do ano 2007”.
Esta resolución “non era sólida nos seus argumentos”, explicou Feijóo, destacando que, proba disto “é que os argumentos se foron cambiando paulatinamente en función da actuación conxunta das comunidades autónomas, do Goberno de España, das organizacións sindicais e dos estaleiros”.
No tocante a que é unha decisión “pouco responsable economicamente”, o mandatario autonómico argumentou que non se facilita, “para nada” a industrialización de España nin a industrialización de Europa no que ao sector naval se refire e que “temos máis problemas dos que tiveron outros países cando foron denunciados como consecuencia de presuntas axudas de Estado”.
En canto a que a medida é “insensible socialmente” Feijóo xustificouno en que “afecta a un país que ten o 26% de paro, e en que afecta á industria naval privada de España, sendo unha industria naval xa moi cativa como consecuencia das distintas reindustrializacións e quebras que foron tendo boa parte dos estaleiros de España”.
Por último, o mandatario autonómico confesou estar “satisfeito”, da “unidade na defensa do sector naval que deu España”. “Estamos satisfeitos polo traballo feito polos presidentes das comunidades autónomas, polos secretarios xerais de CCOO e UXT, por suposto, polo Goberno de España, e polos estaleiros e desde que empezamos esta discrepancia profunda co comisario Almunia ata a resolución hai un camiño andando dunha enorme transcendencia”, afirmou. “Hai tan só quince días estabamos ante o peche seguro de todos os estaleiros de España e hoxe podemos dicir que temos danos, pero que eses danos témolos que controlar e temos que reverter os danos producidos por esa resolución”, abondou.