Manter os órganos fiscalizadores da Xunta é unha cuestión de responsabilidade

Leo agora a reseña sobre o Consello da Xunta e as reflexións feitas polo presidente Alberto Núñez Feijóo, na posterior roda de prensa na que subliñou que “Galicia ten moito camiño andado” na racionalización que persegue a reforma das administracións públicas presentada polo Goberno central.

 Así, informou de que, de acordo co informe valorado hoxe polo Consello da Xunta, Galicia cumpre ou está na disposición de cumprir o 80% das propostas realizadas ás autonomías e aplicou xa na súa propia estrutura administrativa o 90% das medidas formuladas para a Administración central.

Remarcou que “Galicia leva 4 anos reformando a súa Administración autonómica para facela máis eficiente e, polo tanto, máis útil aos cidadáns”, motivo polo que agradeceu e recoñeceu “o esforzo co que desde o Goberno central se está a impulsar o mesmo en todas as Administracións públicas”. 

Asegurou que “non hai beneficio ningún en incrementar sen control o gasto público e todo o diñeiro temos que destinalo prioritariamente aos servizos públicos esenciais: sanidade, educación, universidades e servizos sociais, aí é onde hai que poñer o diñeiro e non no aparato burocrático para a xestión do autogoberno”.

Insistiu o titular da Xunta en que Galicia “comparte o espírito” do informe do Goberno central porque “se centra en campos nos que vimos traballando desde hai catro anos: o control do gasto corrente, a racionalización da administración paralela, o impulso da administración electrónica ou na eliminación de trámites burocráticos e as cargas administrativas”.

Aplicación pioneira de medidas propostas para o Estado:

Así, concretou que o informe avalado hoxe polo Consello demostra que “Galicia adoptou de forma pioneira en moitos casos” a maioría das propostas. En relación coas que se formulan para a racionalización da Administración central, Feijóo sinalou que a comunidade autónoma cumpre o 90 por cento, e detallou as seguintes:



En primeiro lugar, a Lei de organización e Funcionamento da Administración Xeral e do Sector Público Autonómico de Galicia, LOFAXGA, “na que se acadaron os obxectivos buscados agora polo Goberno central”, dixo, como a clasificación e regulación dos distintos tipos de entes, o establecemento de controis económico-financeiros nestos, e a inclusión dos seus orzamentos nos xerais da comunidade autónoma.

En segundo lugar, a Lei do Emprendemento, da que apuntou Feijóo que “aposta pola simplificación e eliminación das cargas administrativas en todo tipo de procedementos, pola substitución de autorizacións previas por comunicacións responsables e pola simplificación de trámites administrativos para a apertura dun establecemento comercial ou para a posta en funcionamento dunha empresa”.

En terceiro lugar, a Lei do emprego público, actualmente en tramitación e que, segundo sinalou o presidente da Xunta, “xa desenvolve para o persoal da Administración galega a Lei do Estatuto Básico do Empregado Público” e introduce, de acordo coa reforma, mecanismos de avaliación do desempeño e medición da produtividade dos empregados públicos.

En cuarto lugar, o titular do Goberno galego referiuse á Lei de Racionalización do sector público autonómico, que “xa avoga por varias das medidas que o informe do Goberno estuda aplicar na Administración xeral do Estado”, como identificar as funcións que, estando externalizadas, se poden realizar con medios propios; implantar un proceso de avaliación continuada das estruturas existentes; e avanzar na simplificación administrativa na contratación pública; regular o novo modelo de organización centralizada da contratación.

En quinto lugar, no eido da administración electrónica, o presidente galego salientou que a Xunta conta desde 2011 cunha Axencia de Modernización Tecnolóxica como a que o Goberno central propón para centralizar os servizos TIC. “Aí estamos traballando, igual que o informe propón, na substitución de notificacións postais por electrónicas, na creación dun taboleiro único, na consolidación de infraestruturas TIC comúns, e na substitución de trámites convencionais por trámites electrónicos”.

Ademais disto, Alberto Núñez Feijóo remarcou que se activaron outras medidas recollidas no informe, como o “orzamento en base cero en todo o que se refire ao gasto corrente das consellerías”; o plan de simplificación lexislativa para reducir o corpo normativo nun 25 por cento; a centralización da xestión do parque móbil, reducindo o número de coches oficiais unipersonais de 160 vehículos a 16 vehículos; o plan de racionalización do gasto de alugamentos, co obxectivo de 12 millóns de euros de aforro anuais; a regulación da factura electrónica; o manual sobre a redución de cargas administrativas nos procedementos, que está a reducir un 20 por cento os tempos de tramitación; a integración dos diferentes portais da Administración pública en internet a través dun punto de acceso xeral; o plan de racionalización da Administración paralela con 50 entes suprimidos a data de hoxe; a aposta pola formación transversal e pola teleformación como un dos obxectivos básicos da Escola Galega de Administración Pública; e a centralización en distintas actuacións moitos números de atención telefónica ao cidadán.

Cumprido o 80% das propostas ás autonomías:

No que se refire ás recomendacións que o Goberno central fai ás comunidades autónomas, Feijóo resaltou que a Xunta ten resolto case o 80 por cento, e entre elas mencionou as sinerxías entre as oficinas do exterior de Galicia e do Estado; a planificación conxunta das tecnoloxías da Xustiza; a creación dunha xanela de información única para obter datos de axudas e subvención ás pemes; a xeneralización do uso de bases de datos integradas e interconectadas entre administracións; o control da débeda cos provedores; ou o recoñecemento mutuo de licenza entre autonomías e co Goberno central no eido das emerxencias e na protección civil.


Aposta por manter a menor custo os órganos estatutarios:

En relación coa eliminación de entes que propón o informe do Goberno central, Feijóo remarcou que a comunidade autónoma decidiu non ter, por exemplo, servizos demoscópicos, “que empezamos a deixar sen efecto a comezos de 2009”, ou Axencia de Protección de Datos e Autoridade de certificación electrónica.


O presidente da Xunta referiuse tamén aos órganos estatutarios como o Consello de Contas e o Valedor do Pobo, sobre os que salientou a necesidade de consultar ao Parlamento, se ben deixou claro que desde o Goberno galego “entendemos que se deben de manter”, iso si, “reducindo os custos do seu funcionamento”.

Insistiu en que se trata en ambos os casos de “órganos fiscalizadores” do Goberno e polo tanto manter a súa existencia é unha cuestión de “responsabilidade” pero detallou que a Xunta xa vén apostando por reducir o seu custo nos últimos anos. Así, o Valedor do Pobo rexistrou unha baixada do orzamento do 17% coa eliminación de todos os vicevaledores; o Consello de Contas afrontou unha redución, con respecto ao presuposto do ano 2009, do 16%; no Consello Consultivo o descenso orzamentario entre o ano 2008 e o ano 2013 é do 15% e no caso do Consello Económico e Social a redución acadou un 40 %.

A miña total coincidencia, co mantemento destos órganos estatutarios que desde logo en Galicia son imprescindibles.


Si desexa comentar esta entrada, pode escribir un correo a celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta. Grazas

Con la tecnología de Blogger.