viernes, 19 de julio de 2013

Apoio á internacionalización das empresas de Ourense

Compre salientar nesta entrada, que onte, nunha xornada técnica organizada en colaboración coa Confederación Empresarial de Ourense, foi explicado o especial impulso da Xunta á internacionalización das empresas da provincia, que se traduce en medidas de discriminación positiva ao abeiro do Plan Impulsa. Responsables do Instituto Galego de Promoción Económica, subliñaron que, en Ourense, as axudas á internacionalización contarán cun 5% adicional de subvención, de xeito que os apoios públicos poden cubrir ata o 90% dos investimentos ou gastos destes proxectos. Ese apoio especial a Ourense na implantación das súas compañías no exterior compleméntase con outras axudas do organismo, destinadas tanto á exploración deses posibles mercados como á busca de clientes ou aliados.

Segundo subliñaron os responsables do Igape durante o encontro, as empresas dispoñen de tres liñas de apoio a proxectos de internacionalización. A primeira delas céntrase na organización de misións internacionais inversas, e está destinada a apoiar a colectivos de empresas e facilitando o seu contacto directo con potenciais clientes, aliados ou socios.

En segundo lugar, o Igape apoia proxectos de prospección internacional en novos mercados do estranxeiro, nun labor de exploración previo á posible implantación comercial directa. Os proxectos poden ser promovidos tanto por empresas como por organismos intermedios que impulsen accións de sondaxe no exterior para un colectivo de compañías. O prazo de presentación de solicitudes para estas dúas liñas de apoio remata o día 2 do próximo mes de agosto.

Por outra banda, o Igape mantén aberta a convocatoria do Plan Primex 2013, para facilitar as primeiras implantacións comerciais de grupos de empresas galegas no estranxeiro. Esta liña vai destinada a colectivos de polo menos tres empresas que se unen para compartir esforzos, custos e estratexias para lanzar os seus produtos ou servizos mediante a súa implantación en mercados exteriores.

Estas axudas súmanse ás do programa ReExport, que prevé mobilizar 8 millóns de euros en préstamos avalados polo Igape para financiar os custos das exportacións. O prazo para a presentación de solicitudes ao abeiro do programa ReExport estará aberto ata fin de ano.

Os emprendedores e empresarios de Ourense dispoñen tamén dun excepcional marco de discriminación positiva para investir en novos proxectos; neste senso é clave o programa ReEmprende, que nesta provincia garante subvencións mínimas dun 25% para a posta en marcha de novos proxectos por emprendedores ou para apoiar proxectos de desenvolvemento de novas empresas, con investimentos desde 35.000 ata 500.000 euros.


Si desexa comentar esta entrada, pode escribir un correo a celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta. Grazas