miércoles, 29 de mayo de 2013

Unha racionalización dos servizos ferroviarios que manteña a mobilidade dos galegos

Hoxe compareceu no Parlamento de Galicia o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernandez para falar de servicios ferroviarios.

Comezou citando unha frase do anterior ministro de Fomento: “Temos que entender que mover un tren de 170 toneladas para que circule practicamente baleiro é facer un dos usos máis ineficientes da enerxía e dos recursos públicos”, e de seguido sinalou que a prestación dos servizos ferroviarios debe plantexarse de xeito que sexan sostibles social e medioambientalmente.


Dixo que a Xunta de Galicia está a seguir o proceso de racionalización que leva a cabo o Ministerio de Fomento co fin de comprobar que o proceso de racionalización dos servizos de media distancia en Galicia se leve a cabo co menor impacto posible e garantindo unha oferta de transporte público a todos os cidadáns.


Aclarou que “o Ministerio propón a accesibilidade, así como a mobilidade dos galegos e a Xunta estará atenta a todos os pasos a dar”. Afirmou que “ningunha persoa perderá a posibilidade de contar con servizo público de transporte”.


Indicou o conselleiro que “o Goberno galego pretende que se adopten aquelas medidas que fagan compatible a eficiencia das prestacións de transporte coa extensión do seu carácter de servizo público á totalidade da poboación, a través da intermodalidade”.


Hernández explicou que “polas informacións que ten a Xunta e polas manifestacións do propio ministerio, non se vai suprimir nin pechar ningunha liña en Galicia”. A análise de racionalización dos servizos de media distancia que está a realizar o Ministerio de Fomento céntrase nas seguintes liñas: A Coruña- Ferrol, A Coruña- Lugo- Monforte, Santiago- Ourense, Vigo- Ourense- Monforte, Ourense- Puebla de Sanabria.


Para a execución destes axustes no sistemas ferroviario, o Ministerio de Fomento elaborou un estudo da situación do ferrocarril en España, desprendéndose as seguintes conclusións: para índices de ocupación superiores ao 20%, o servizo resultaba sempre máis eficiente; entre un 15 e un 20%, debían ponderarse outras variables como a taxa de cobertura ou a recorrencia de usuarios; e inferiores a un 15%, a alternativa por estrada resulta máis eficiente.

Agustín Hernández concretou que o Ministerio vai optimizar os servizos ferroviarios con criterios homoxéneos para toda a rede, analizando as peculiaridades de cada comunidade autónoma e atendendo a factores sociais e de sostibilidade económica.


O titular de Medio Ambiente lembrou que Fomento aínda continúa traballando no axuste do mapa de servizos de media distancia que se ofrecerán en Galicia tras o proceso de racionalización, polo que aínda non se coñece con total precisión as prestacións que se suprimirían, salvo os que actualmente unen Ourense con Puebla de Sanabria.


Afirmou que a Xunta considera que non se debe subvencionar a evidente ineficiencia destas prestacións de transporte, sempre que existan alternativas como o autobús. Así, no caso destes servizos entre Ourense e Puebla de Sanabria, cómpre sinalar que en 2011 empregaron esta liña uns 9.000 viaxeiros, o que supuxo uns ingresos de 37.400 euros, constando uns custos de máis de 1,2 millóns de euros, polo que cada usuario tivo que ser subvencionado con preto de 138 euros.


Hernández lembrou que o Executivo autonómico “ten a experiencia de 16 anos achegando arredor de 40 millóns de euros para que nada cambiara na evolución dos servizos subvencionados, onde nin se chegaron a aproveitar o 15% das prazas ofertadas”. Neste senso, reiterou que “non imos alimentar unha espiral de subvencións aos servizos ferroviarios que unicamente ten dado como resultado maiores custos e menor eficiencia”. Explicou que eses 40 millóns serían suficientes para manter durante máis de tres anos as subvencións para o transporte metropolitano das 7 grandes áreas urbanas de Galicia, o que equivale a subvencionar o transporte público da metade dos galegos durante máis de tres anos.


Indicou que “o importante é que alí onde se suprime algún servizo, alí onde non se deteña o tren, porque a demanda así o determine, haxa unha alternativa para asegurar a conectividade da cidadanía co transporte público”.


A modo de exemplo, citou catro estacións no trazado Vigo- Ponferrada que non teñen servizo de autobús, onde seguirá a parar o tren, a pesar de que a escasa afluencia de usuarios aconsellara que o tren non se detivera.


Hernández precisou que o obxectivo é acadar a máxima racionalidade e eficiencia na prestación de servizos ferroviarios, sen desmantelar liñas e garantindo un servizo de transporte público, a través do medio que mellor responda aos criterios de rendibilidade económica, ambiental e social.


A Xunta tamén considera fundamental seguir a mellorar as infraestruturas, aproveitar as liñas de alta velocidade, a utilización de trens híbridos e en definitiva, incrementar a cota de mercado do ferrocarril, con criterios de eficacia, eficiencia e interese público.

Si desexa comentar esta entrada, pode escribir un correo a celso.delgado@congreso.es


Recibirá resposta. Grazas