viernes, 5 de abril de 2013

Un novo Plan Estatal de Vivendas para facilitar o acceso á vivenda ás persoas con menos recursos, apoiar o aluguer, fomentar a rehabilitación e mellorar a eficiencia enerxética dos edificios


Esta mañá o Consello de Ministros aprobou a remisión ás Cortes do Proxecto de Lei de Rehabilitación, Rexeneración e Renovación Urbanas. Ademais, aprobou o Plan Estatal de Vivendas 2013-2016 que, xunto coa nova Lei de Fomento do Aluguer, supoñen un cambio de modelo na política de vivenda. 
Na roda de prensa posterior a ministra de Fomento, Ana Pastor destacou que o Plan é unha medida clave de impulso económico e servirá para xerar crecemento e emprego e prognosticou que se crearán 105.000 postos de traballo en catro anos. 
O citado plan contará cun investimento de case 2.500 millóns de euros: 1.500 para facilitar o acceso á vivenda e 627 para rehabilitación, rexeneración e eficiencia enerxética.
Engadíu que ten como finalidade facilitar unha vivenda digna aos colectivos máis desfavorecidos. As persoas afectadas nos procedementos de desafiuzamentos terán preferencia no acceso ao programa de axuda ao aluguer.
Respecto ao aluguer, a ministra subliñou que a concesión das axudas faise de forma máis equitativa, tendo en conta a renda da "unidade de convivencia" nunha vivenda. O programa de axudas permitirá alcanzar máis de 133.000 beneficiarios fronte aos 80.00 actuais. 
Ana Pastor asegurou que as reformas aprobadas supoñen un cambio de modelo na política de vivenda en España, facilitan o acceso á vivenda aos sectores da poboación con menos recursos, fomentan a rehabilitación residencial, posibilitan a reactivación do sector da construción, melloran os problemas de accesibilidade dos edificios, sintan as bases para reducir a factura enerxética dos fogares e outórganse incentivos ao sector privado para que colabore na reactivación do sector da construción.
Doutra banda, entre as novidades da futura Lei de Rehabilitación, Rexeneración e Renovación Urbanas, a ministra de Fomento sinalou que se derroga a Inspección Técnica de Edificios e substitúese por un Informe de Avaliación do Edificio (IEE) que será obligatorio para bloques de máis de 50 anos a partir do ano 2019.
Tamén destacou que se fomentará a rehabilitación de inmobles construídos antes de 1981. Concederanse axudas de ata 4.000 euros por vivenda para conservación.
 A ministra anunciou medidas adicionais, entre outras, a aprobación dunha Liña ICO, dotada con 1.000 millóns de euros, para a rehabilitación de vivendas e edificios en 2013 para acometer proxectos de rehabilitación ou reforma de vivendas e edificios.
A Liña IDAE, dotada con 100 millóns, promoverá medidas de eficiencia energética e utilización das enerxías renovables nos edificios de uso residencial.
A partir do 1 de xuño será obligatorio poñer a disposición dos compradores ou arrendadores de edificios un certificado de eficiencia enerxética. Este documento, ademais da cualificación enerxética do edificio, deberá incluír información obxectiva sobre as características enerxéticas do mesmo.