Balace da reunión Rajoy- Feijóo

Cabe salientar o balance da reunión mantida onte no Palacio da Moncloa entre o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e o Presidente do Goberno central, Mariano Rajoy Brei.


Acordaron que a cooperación seguirá sendo o eixo vertebrador das relacións entre os dous gobernos co obxectivo de seguir logrando resultados positivos en distintos ámbitos, como a execución das infraestruturas pendentes, a mellora do saneamento e do abastecemento ou unha maior competitividade dos sectores produtivos galegos.


Así, no tocante á situación que atravesa o sector do naval, o titular da Xunta fixo fincapé nos avances producidos nos últimos tempos, como a solución ao problema do tax lease ou a alianza lograda coa petroleira Pemex, e asegurou que tanto el como Rajoy coincidiron na necesidade de seguir traballando para mellorar a competitividade deste sector estratéxico para Galicia.


Concretamente, indicou que o Presidente do Goberno é “consciente” de que Navantia Ferrol precisa lograr carga de traballo, ben reforzando as negociacións para lograr máis pedidos ou ben incrementando as instalacións de reparación do estaleiro, a través da construción do dique flotante ou doutras infraestruturas. “Acordamos que nese estaleiro ten que haber ou carga de traballo ou carga de traballo. É dicir: ou barco ou dique; ou as dúas cousas. Porque Navantia Ferrol non pode estar con esta carga de traballo tan limitada que ten neste momento”, resumiu o presidente galego.


Por outro lado, no ámbito do tax lease trasladoulle ao presidente do Goberno central a necesidade de reforzar as xestións coa Comisión Europea para lograr que non se aplique a retroactividade dos efectos do tax lease. Respecto ao sector naval, ambos os dous presidentes tamén falaron da alianza da petroleira Pemex que supón a Galicia dous contratos de máis de 380 millóns de dólares e da posibilidade de incrementar as relacións coa empresa estatal mexicana para repoñer a súa flota menor en estaleiros galegos e tamén entre estaleiros galegos e mexicanos. Neste punto, recordou que a implicación do Goberno central foi fundamental e avanzou o acordo de que se reforce tanto para ampliar as posibilidades coa petroleira mexicana como para abrir novas liñas de colaboración coa empresa Petrobras, que ten planificada unha importante renovación da súa flota ante os novos descubrimentos de importantes xacementos pretrolíferos en Brasil.


Avances no sector lácteo e pesqueiro:


En relación ao sector lácteo, o Feijóo recoñeceu a labor que está a realizar o Ministerio de Agricultura, no eido das axudas europeas, así como a posta en marcha do paquete lácteo. E transmitiu a necesidade de que a Lei de Transparencia da cadea alimentaria inclúa, dentro dos seus principios xerais que a inspiran, que os prezos do leite non podan ser inferiores aos custes de produción.


“No sector pesqueiro, expreseille o agradecemento polo papel de España na Comisión Europea para o mantemento das cotas de capturas, así como a nosa presión no ámbito dos descartes e de cotas de determinadas especies”, engadiu, e asegurou que tamén lle transmitiu a necesidade de seguir traballando para mellorar as condicións en Mauritania dos pesqueiros galegos.


Necesidade de reforzar a vía da arbitraxe


Ademais, o titular da Xunta de Galicia abordou co presidente Mariano Rajoy a problemática dos cidadáns afectados pola mala comercialización de participacións preferentes e subordinadas, “que nunca deberon ser autorizados pola Comisión Nacional do Mercado de Valores, nin polo Banco de España”.


Neste eido, Feijóo destacou a “vontade” do presidente do Goberno central para buscar fórmulas que garantan liquidez inmediata aos afectados polas preferentes, dentro das posibilidades que permita a lexislación nacional e europea. Así mesmo, tamén reiterou ante Rajoy a necesidade de reforzar a vía da arbitraxe, coa que case 15.000 familias en Galicia xa teñen recuperado os seus aforros.


No referido á Reforma Local, Feijóo expresou o apoio da Comunidade galega no obxectivo de diminuír o custe das administracións, incluída a administración local; e de facer unha administración máis eficiente. Con este obxectivo, plantexou a necesidade de elaborala a través dunha reflexión pausada, que permita o maior consenso posible en asuntos como a participación das comunidades en competencias que podan deixar de prestar os concellos; a fixación de límites para as retribucións. De forma máis ampla, precisou a necesidade de que un dos principios inspiradores desa reforma sexan os criterios de cooperación e colaboración dos municipios así como a fusión dos municipios. “Este tipo de cooperación, xa sexa unha colaboración puntual para a xestión de servizos públicos, parécenos un eixe vertebrador que debe incluírse na reforma; ao igual que a fusión legal voluntaria. E, neste sentido, teño que destacar que atopei receptividade”, explicou Feijóo.


Infraestruturas e obras hidráulicas:


O responsable autonómico asegurou que o encontro serviu para confirmar infraestruturas e inversións que están en marcha e que cumprirán o seu calendario “dentro dos prazos acordados”. De forma concreta, referiuse ao remate da Autovía do Cantábrico en 2013; ao Eixe Atlántico de Alta Velocidade A Coruña-Vigo, en 2014; e ao AVE entre Galicia e Madrid en 2018.


Ademais de salientar o impulso de varias melloras no eido da Xustiza e da Sanidade; Feijóo avanzou, tamén, o desbloqueo do acordo co Ministerio de Agricultura para desenvolver un plan de saneamento das rías e de abastecemento, que suporán unha inxección económica de máis de 500 millóns de euros.


Por último, o presidente da Xunta trasladou a Rajoy as liñas estratéxicas e prioridades do Goberno galego para esta lexislatura. Neste senso, mantivo a prioridade de que Galicia sexa unha comunidade solvente e que “se está salvando por si mesma”, convencido de que ese é o primeiro paso para poder iniciar a senda do crecemento.



Con la tecnología de Blogger.