domingo, 24 de febrero de 2013

Rosalía: "Lugar máis hermoso no mundo no hachara que aquel de Galicia, Galicia encantada"

""Airiños, airiños aires, airiños da miña terra; airiños, airiños aires, airiños, leváime a ela"

Celebrouse hoxe o 176  aniversario do nacemento en Santiago de Compostela de Rosalía de Castro, e  foi interpretada a “Alborada para Rosalía” en diferentes puntos da xeografía galega.

E na Casa-Museo da Matanza, en Padrón comezaron os actos de celebración dos 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, organizados –co apoio do Goberno galego e outras entidades– pola Fundación Rosalía de Castro, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo.

Nos vindeiros meses está programado un completo programa de actividades en colaboración con diversas institucións e entidades culturais, co obxectivo de facer partícipe a toda a cidadanía galega desta celebración.

En nome do Goberno de Galicia, interveu o Conselleiro Jesús Vázquez que salientou que “a inmensa maioría dos cidadáns de Galicia, sentimos un inmenso recoñecemento por quen levou a través da palabra escrita, como Rosalía, o noso espírito á mellor lírica da época contemporánea; tamén polo seu pensamento transformador, en prol da igualdade de dereitos entre todos os seres humanos”

Neste acto, ademais do conselleiro, personalidades de distintas institucións culturais, sociais e políticas de Galicia recitaron versos de Cantares Gallegos na honra da nosa primeira poetisa.

 Agardo que este ano sirva para que moitos lean por primeira vez “Cantares Gallegos”, o primeiro libro íntegramente en galego que marcou o inicio do denominado Rexurdimento pleno.


Eu aproveitei esta tarde de domingo para releer o exemplar desta obra que teño desde 1991 cando fun agasallado como lector do Correo Gallego.

Remato citando estos fermosísimos versos de Rosalía.

"Lugar maís hermoso non houbo na terra que aquel que eu miraba, que aquel que me dera.

Lugar máis hermoso no mundo no hachara que aquel de Galicia, Galicia encantada.

Galicia frolida, cal ela ningunha, de froles cuberta, cuberta de espumas.

De espumas que o mare con perlas gomita; de froles que nacen ó pe das fontiñas.

De vales tan fondos, tan verdes, tan frescos, que as penas se calman no máis que con velos.

Que os ánxeles neles dormidos se quedan, xa en forma de pombas, xa en forma de niebras"