Único obxectivo común a todo o novo Goberno galego: iniciar o crecemento


No Pazo de Raxoi tivo lugar hoxe pola mañá a toma de posesión dos Conselleiros da Xunta de Galicia, nun acto presidido polo presidente Alberto Núñez Feijóo, quen destacou como único obxectivo común a todo o novo Goberno galego o de iniciar o crecemento mantendo e mesmo incrementando, “como temos feito ata agora”, o Estado de Benestar.

Feijóo pediulle ao novo Goberno plena dedicación; respecto ás siglas que representan, “que son as siglas de Galicia”; humildade para vivir os acertos que consigan e para emendar os erros que cometan; e, ante calquera dúbida na xestión ordinaria dos próximos anos, sempre elixir o camiño que sitúa a Galicia primeiro. E desexoulle sorte ante os retos moi difíciles que teñen que afrontar e os moitos obstáculos que sortear para superalos.

O presidente da Xunta explicou por qué Alfonso Rueda ten sido designado vicepresidente: “é a persoa axeitada para axudarme na coordinación interna do Goberno e deste co Parlamento, como responsable das relacións do Executivo coa Cámara galega”. “É unha decisión con ese obxectivo eminentemente práctico, pero tamén cunha vertente simbólica, que é elevar o rango da persoa que ostenta a interlocución entre o goberno lexítimo dos galegos e os seus máximos representantes, que son as deputadas e os deputados do Parlamento autonómico”.

Quero salientar, como o ten feito nese acto o presidente Feijóo o excelente traballo do saliente Conselleiro de Economía, Javier Guerra, que traballou arreo nun momento de gran dificultade.
 
Parabéns a todos.
Con la tecnología de Blogger.