Un proxecto de lei de Estradas que dará máis garantías e transparencia aos cidadáns



O pasado xoves, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou na rolda de prensa do Consello, que a nova Lei de Estradas dará máis garantías e transparencia aos cidadáns e permitirá optimizar a prestación do servizo público viario da comunidade.

Explicou que o proxecto de lei será remitido con carácter inmediato á Cámara para actualizar e modernizar a lexislación autonómica: “para adaptala aos numerosos cambios normativos e aos cambios de estrutura da Xunta como, por exemplo, a recente fusión dos departamentos de infraestruturas nun único departamento, a Axencia Galega de Infraestruturas; e para adaptala á normativa de contratación administrativa, á normativa medioambiental e á normativa de ordenación do territorio e urbanismo”.
Entre as novidades máis importantes, Feijóo precisou que o texto proporcionará: maior transparencia para a defensa do cidadán, xa que coa nova lei todos os proxectos en materia viaria serán sometidos a información pública, “e polo tanto os propietarios das parcelas lindantes das estradas que se amplíen terán dereito a información pública antes de iniciar a execución do vial”; e máis sensibilidade polos afectados pola obra pública xa que se, ata o de agora, o propietario expropiado perdía a totalidade da capacidade edificatoria da parcela afectada, agora, pode manter os dereitos urbanísticos das súas parcelas agás na superficie expropiada.
Así mesmo, subliñou que se ata o de agora o propietario afectado por unha expropiación forzosa estaba obrigado a adiantar o investimento para repoñer os bens afectados polas obras; co novo texto normativo, será a administración pública a que teña que desembolsar previamente o diñeiro para repoñer os muros ou outros danos que se podan producir como consecuencia da ampliación dun vial ou como consecuencia da execución dun novo vial.
O documento establece, tamén, que se incluirán dentro das obrigas do contratista os custes de dirección de obra.
Valoro de xeito moi positivo esta iniciativa que seguro será mellorada no trámite no Parlamento de Galicia.


Con la tecnología de Blogger.