domingo, 11 de noviembre de 2012

Vázquez Taín, merecido premio "Ourensanía 2012".

Hoxe, festividade de San Martín estiven no Pazo de Vilamarín que acolleu o acto de entrega do Premio "Ourensanía 2012".

O premio  “Ourensanía” foi instaurado pola Deputacion Provincial de Ourense como un recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais. 

Nesta edición, o xurado acordou conceder por unanimidade o Premio “Ourensanía 2012” ao xuiz, nado na Merca en 1968, José Antonio Vázquez Taín, pola súa “tan valente como impecable e coherente traxectoria profesional no campo da xudicatura, xa fose nos distintos lugares da xeografía galega nos que lle ten tocado o exercicio da impartición da xustiza, como fóra dos lindes da nosa propia demarcación territorial”.

 Na acta do premio o xurado subliña que dende “o intenso e perigoso traballo de persecución do narcotráfico e doutros moitos delitos ligados a esta actividade criminal -que atentaron e aínda hoxe atentan contra a saúde colectiva dos galegos-, ata a máis recente e mediática intervención súa como responsable do Xulgado de Instrución nº 2 de Santiago de Compostela no proceso de investigación policial que felizmente concluíu coa recuperación do Códice Calixtino, o labor desenvolvido polo xuíz Vázquez Taín durante os últimos anos teno colocado nun lugar de preponderancia no ámbito da maxistratura nacional portando sempre a gala e o orgullo de ter consecuentemente chantadas as súas profundas raigames ourensáns”.

 Con este recoñecemento público da Ourensanía, o xurado quixo simbolizar na súa persoa o imprescindible papel que os homes e mulleres que traballan na Xustiza deben continuar a representar como estamento garante e alicerce fundamental da nosa estabilidade social e do noso benestar perante problemas sociais tan graves coma o do narcotráfico.

 Abriu o acto o escritor Luís González Tosar, presidente do PEN Club de Galicia e redactor do manifestó de " afirmación da ourensanía"

Despois da entrega do premio, Vazquez Taín, pronunciou unhas sentidas palabras nas que destacou que este galardón era un compromiso de futuro para traballar pola sua terra.

Dixo que os ourensáns "só choramos de dor una vez: cando nacemos; o resto da nosa vida pasámola empuxando, porque pasamos por ela non coa intención de deixar pegada, pero si pouso, onde agroman as ilusións".

 Asemade, Vázquez Taín afirmou que non atopa palabras para agradecer este recoñecemento "do que me sinto honrado de recibir, porque me sinto honrado de ser de Ourense, dunha terra onde se mesturan os Risco, Barreiros, Franqueira, Quessada e tantos centos de homes e mulleres que teñen ido polo mundo con ambición, humildade e amor polo noso". 

"Somos herdeiros da forza dos homes e mulleres da nosa terra e da sensibilidade dos nosos poetas –engadíu-, por elo, somos quen de reivindicar a nosa riqueza monumental, a nosa cultura, gastronomía, etnografía e todo o que nos engrandece".

 Pechou a rolda de intervencions o presidente da Deputación, Manuel Baltar quien  destacou a figura do premiado subliñando a súa "impecable traxectoria profesional" e o seu traballo a traballo "a prol das familias que sofren a lacra da droga" e a súa defensa "do patrimonio material e inmaterial de Galicia, sinaladamente nomeado nas últimas datas pola súa investigación que permitiu recuperar o Códice Calixtino".

 Resaltou que un día como o de hoxe, "onde Ourense destaca con maiúsculas, cabe salientar que a Ourensanía une e non separa: esa foi e será a súa filosofía básica e principio inspirador", e engadiu que "impulsar a Ourensanía en liberdade esíxenos a todos un maior esforzo, un compromiso solidario, para conservar o que nos caracteriza e define".

 Rematou o seu discurso afirmando que a Ourensanía "non ten límites nin barreiras, e non entende de diferenzas ideolóxicas e partidistas porque se trata dun nexo común entre todos os cidadáns que temos a Ourense como punto de referencia vital".

 Noraboa ao premiado.