Sobre a investigación de accidentes e incidentes de avación civil

Esta mañá presidín a Comisión de Fomento na que a petición do Grupo Parlamentario Popular compareceu a presidenta da Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes de Aviación Civil (CIAIAC), Rosa María Arnaldo Valdés.
 
A CIAIAC está adscrita á Subsecretaría do Ministerio de Fomento, e é o organismo oficial encargado de realizar a investigación dos accidentes e incidentes de aviación civil que se producen en territorio español.

Esta investigación ten un carácter exclusivamente técnico, o seu fin último é a prevención de futuros accidentes e incidentes, e non está dirixida a determinar nin establecer culpa ou responsabilidade de tipo algún.

Os resultados da investigación plásmanse nun informe que contempla a información factual en relación co accidente ou incidente, unha análise da mesma, unhas conclusións e unhas recomendacións en materia de seguridade. Estas recomendacións constitúen o medio que se considera máis adecuado para propor medidas que permitan aumentar a seguridade aérea.

A Sra. Arnaldo presentou o informe de 2011 que contén os datos de sinistralidade, no que se produciron 25 accidentes, con 23 vítimas mortais e 9 feridos graves, e 25 incidentes graves; cifras algo maiores ás de 2010, aínda que do mesma orde de magnitude, que con todo confirman unha redución do número de accidentes e incidentes graves con respecto ao período 1998-2007.

Informou que en 2011, a CIAIAC traballou sobre 128 expedientes de accidentes ou incidentes graves (75 correspondentes a anos anteriores). Publicou 56 informes finais e 16 informes máis estaban, a fin de ano, en proceso de comentarios por parte das diferentes organizacións involucradas. Durante 2011, emitíronse 58 recomendacións de seguridade e recibíronse 45 respostas a recomendacións publicadas no período 1999-2011.

Na Comisión, o tema que xerou maior debate foi a investigación do accidente ocorrido o 20 de agosto de 2008 no aeroporto de Madrid-Barallas ao avión McDonell Daglas DC-9-82 operado por Spanair. Un accidente no que perderon a vida 154 persoas e houbo 18 feridos graves.


Con la tecnología de Blogger.