Onte o diario La Voz de Galicia e tamén o ABC, ademais da TVG, facíanse eco dunhas preguntas parlamentarias dirixidas á Comisión Europea formuladas polo eurodiputado nacionalista de CIU Ramón Tremosa que se dirixiu á Comisión Europea para denunciar que os Orzamentos Xerais do Estado para 2013 destinen máis investimento ao AVE galego que ao corredor mediterráneo.
Informaban estes medios que en unha das preguntas, titulada "Investimento do Reino de España en ferrocarrís en 2013", Tremosa dicía que o 71% do investimento destinado aos ferrocarrís serán para a alta velocidade. Expuña que "os corredores noroeste, o AVE a Galicia, e norte, o do País Vasco, así como a liña de Venta de Baños-Asturias, levarán 1.755 millóns" mentres que "o estratéxico corredor mediterráneo contará con 1.109 millóns de euros, 270 deles para adaptar o ancho de vía aos estándares europeos". O eurodiputado preguntaba á Comisión Europea: "¿Cre a Comisión que estes investimentos van na dirección correcta para saír da crise económica canto antes? Non sería mellor para o Estado español investir o 71% do orzamento de ferrocarril na execución dos corredores ferroviarios prioritarios".
E informaban que noutra pregunta formulada baixo o epígrafe "Corredor mediterráneo en Cataluña", o deputado de CIU queixábase de que os PGE "invisten máis millóns de euros no tren de alta velocidade a Galicia que no corredor mediterráneo, considerado prioritario pola CE". Pola contra, denunciaban os nacionalistas, "o Estado español executa as obras do corredor, así como os accesos ao porto de Barcelona e Tarragona, moi lentamente" e "non hai ningunha partida prevista para o acceso ferroviario á Terminal 1 do aeroporto do Prat para 2013". Finalmente, pregunta á CE se ten previsto propor algún cambio neste sentido nos PGE para que se destine máis diñeiro ao corredor mediterráneo.
Como daba conta neste blog na anterior entrada, os deputados galegos do PP de G no Congreso non nos calamos ante estas manifestacións de Tremosa e difundimos onte unha nota de prensa. Nela afrimabamos que os investimentos para conectar por alta velocidade Madrid por Castela-León con Galicia son moi necesarios e de alta rendibilidade económica e social.
Dicíalle eu mesmo ao Sr. Tremosa que lamentaba que non houber preguntado en Bruxelas sobro como é posible que a día de hoxe póidase viaxar en AVE desde Barcelona a Madrid en 26 frecuencias e tardando só 2 horas e trinta minutos, mentres que para ir desde Galicia a Madrid só hai un tren diúrno que tarda 6 horas e 13 minutos, e dous nocturnos que se demoran un 10 e outro 11 horas. ¿Porqué non denunciou esta inxustiza?
Recordáballe que os PGE do 2013, a pesar da necesaria austeridade, fan xustiza con Galicia e avanzan na necesaria cohesión territorial, algo que, lonxe de molestar a ninguén, debería ser motivo de satisfacción para todos.
Reitero que, tendo en conta que os cataláns xa gozan da conexión de alta velocidade con Madrid desde febreiro de 2008, que moi pronto terán a conexión por alta velocidade coa fronteira francesa e, ademais, que os PGE do 2013 inclúen tamén unha importante achega para o Corredor do Mediterráneo de 1.019,31 millóns de euros, as críticas de Tremosa son inxustas e absolutamente insolidarias.
E insistimos en que os deputados galegos do PP seguiremos defendendo os investimentos no AVE galego fronte á orquestrada campaña de críticas dalgúns insolidarios. Trátanse duns investimentos xustos e de alta rendibilidade económica e social e, ademais, os galegos levamos anos esperándoos.
Achego os links que recollen as inciativas do Sr. Tremosa e a réplica que lle demos, e por suposto un clarificador artigo do enxeñeiro e experto no ferrocarril galego Xosé Carlos Fernandez.