miércoles, 10 de octubre de 2012

Notable incremento de viaxeiros do Alvia entre Galicia e Madrid

RENFE difundiu onte a noticia de que máis de 102.000 viaxeiros utilizaron os servizos Alvia entre Galicia e Madrid desde o pasado 17 de xuño, data en que se iniciou o servizo, ata o 17 de setembro, cando se cumpriu o primeiro trimestre de funcionamento. Esta cifra contrasta cos 74.000 viaxeiros rexistrados no mesmo período do ano anterior, cando Renfe prestaba este servizo cun Talgo, o que representa un incremento do 38%.



Así no mes de xullo Renfe transportou 9.000 viaxeiros máis que o ano anterior ( 31,7%), mentres que en agosto o incremento chegou aos 11.000 viaxeiros ( 39,8%) e entre o 1 e o 16 de setembro o aumento sumou 5.317 viaxeiros máis ( 44,6%).


Os trens Alvia duais S-730 entraron en servizo comercial por primeira vez na relación Galicia-Madrid/Alacante o 17 pasado de xuño en substitución do Talgo e permitiron reducir os tempos de viaxe entre Galicia e Madrid en máis de 30 minutos. A súa característica máis destacable é que poden circular tanto por liñas de alta velocidade como por liñas convencionais, estean ou non electrificadas.


Como é coñecido, o Alvia dispón de dúas ramas, unha que parte da Coruña e outra que parte de Pontevedra. Ambas se fusionan en Ourense, desde onde os dous trens circulan como un só servizo. En sentido contrario, o tren parte de Madrid con dúas ramas que, unha vez en Ourense, desdóbranse cara á Coruña e Pontevedra. Os sábados, o servizo préstase ata Alacante e os domingos o tren parte da cidade levantina.




Os venres e vésperas de festa, Renfe reforza o servizo cun segundo Alvia que circula entre Madrid, Ourense, Santiago e A Coruña. Os domingos, este tren circula en sentido contrario, para permitir o regreso a Madrid.

Esta boa nova, acredita que cando os servizos son competitivos en tempo de viaxe e calidade, gozan da aceptación por parte dos viaxeiros.