domingo, 14 de octubre de 2012

Intenso sábado de campaña electoral


Onte no PP de Ourense, tivemos un sábado intenso de campaña electoral - trece actos - e recibimos a visita da secretaria xeral do PP e presidenta de Castela-A Mancha, María Dolores de Cospedal.

Comezou a súa xornada na capital participando nunha convención de cargos públicos femininos do PP para despois percorrer varios concellos da provincia e celebrar mitins electorais en Amoeiro,Celanova, Allariz e Xinzo de Limia.

A dous deles acudín, en concreto aos de Amoeiro e Allariz.

Na primeira localidade, onde interveu ademais do voceiro local José Sampayo, o presidente provincial, Manuel Baltar e Jesús Vázquez, Cospedal animou os asistentes a que busquen "ata o último día" o voto e o apoio ao proxecto do seu partido.

Dixo " que todo o mundo teña ben claro que confianza, credibilidade e verdade serán sempre a oferta a Galicia do PP". Destacou que o PPdeG, coa presidencia de Núñez Feijóo, trouxo "catro anos de Goberno sobrio e austero que traballou dende o primeiro día contando a verdade aos galegos e por iso Galicia é agora solvente".

En Allariz, abriu o acto o voceiro do PP de G, Antonio Rodriguez Miranda e seguiuno Jesús Vazquez e Manuel Baltar.

Pechou o acto Dolores de Cospedal que despois de enxalzar o traballo realizado por Feijóo á fronte de Galicia dixo que agora é "un orgullo" que cando se fala de Galicia fóra da comunidade é para falar da súa solvencia”, e pediu as persoas que enchían o auditorio que non deixen de mobilizar "pois se poden gañar enquisas e debates, pero non é suficiente, así que ninguén pode quedar na casa e hai que ir a votar.”

E tamén puiden acudir ao mitin de Alberto Núñez Feijoo no Carballiño, que foi presentado polo alcalde Argimiro Marnotes.

O candidato a presidencia da Xunta recordou que "somos máis autonomía cando xestionamos con rigor e cando non estamos intervidos " e que "nós vivimos co que temos, non lle debemos nada a ninguén e non necesitamos" do Goberno de España" "para chegar o fin de mes"

Dixo que “imos elixir entre un desgoberno de tres, catro ou cinco partidos ou un goberno unido; entre a división e a unidade; entre un goberno cheo de problemas ou un que achegue solucións; entre unha coalición de intereses partidistas ou unha coalición con Galicia"

Finalizado o mitin compartimos cos simpatizantes e militantes unha comida no extraordinario marco do balneario do Carballiño.