martes, 16 de octubre de 2012

Compromisos de Feijoo en materia sanitaria


Dentro da campaña electoral, hoxe pola maña escoitamos  ao candidato do Partido Popular á Presidencia da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que  anunciou que unha das primeiras normas que remitirá ao Parlamento galego na próxima Lexislatura será a Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias, na que se recolle o triple compromiso de menos espera para os pacientes, libre elección de pediatra e de enfermeiro, e máis facilidades para unha segunda opinión médica. 

Feijoo dixo que esta lei permitirá incrementar as garantías aos pacientes que esperan por unha operación (pasando dunha demora máxima de 180 a 60 días, respectando os criterios de gravidade) e ampliar este dereito tamén ás consultas externas e probas diagnósticas (cunha espera máxima de 45 días). 

“Ademais, ampliarase o dereito á libre elección de pediatra e personal de enfermería, así como de centro hospitalario cando un paciente sexa derivado do seu centro de referencia; ao tempo que mellorarase a garantía do dereito a unha segunda opinión médica, xa que se porá en marcha un procedemento que reduza os prazos para solicitar este segunda opinión dun facultativo”, explicou.

“Que un partido sexa ou non sexa social non depende dunha autodeclaración senón da eficacia, e o Goberno do Partido Popular de Galicia demostrouno asegurando o mantemento do Estado do Benestar e a súa permanencia no futuro, non como fixeron outros apoiando políticas e orzamentos que o levan á ruína”, apuntou.

Feijóo sinalou hoxe que “o primeiro grande reto que a crise económica puxo ante nós foi preservar o Estado de Benestar”. “Galicia, con moito esforzo e co apoio de todos os galegos, ten logrado este reto durante a pasada lexislatura, xa que, con 3.000 millóns de euros menos de orzamento, temos máis prazas de gardería, máis prazas de residencia, máis prazas de centros de día, máis prazas de discapacidade, máis ordenadores no ensino público, máis materiais en inglés, máis pensións non contributivas, máis dependentes atendidos, máis prestacións na sanidade pública ou máis hospitais e centros de saúde”, enumerou.

“Todos estes datos acreditan que a Galicia merécelle a pena a responsabilidade”, subliñou o candidato do PPdeG, quen avanzou que na próxima lexislatura “manterémonos no camiño do rigor e da responsabilidade para seguir incrementando os servizos públicos”. 

En concreto, indicou que “duplicaremos o número de alumnos que teñen ordenadores nas aulas, incrementaremos ata o 50 por cento os centros plurilingües, crearemos outras 6.000 novas prazas públicas de servizos sociais e seguiremos defendendo a sanidade pública, con máis tecnoloxía, mellores infraestruturas e máis prestacións”

.Neste ámbito da sanidade, Feijóo referiuse expresamente aos programas Innova-Saúde e Hospital 2050, “cuxos investimentos se centralizan na cidade de Ourense e suporán unha inxección económica de case 100 millóns de euros en innovación sanitaria”, así como á dotación de novas infraestruturas sanitarias coa ampliación da Hospital Público de Ourense, o da Mariña, o do Salnés e o de A Coruña; o remate do Hospital Público de Vigo; a construción do Hospital de Pontevedra; ou a posta en marcha de 17 novos centros de saúde, que se sumarán aos 19  novos e os 10 reformados na pasada lexislatura. 

Alberto Núñez Feijóo manifestou que durante a pasada lexislatura “cumprimos coa nosa obriga de prestar os servizos públicos ao máximo das nosas posibilidades: destinamos tres de cada catro euros públicos ao Estado do Benestar, máis que nunca na historia da nosa comunidade autónoma”, apuntou. 

Neste sentido, engadiu que esto foi posible “porque cumprimos o déficit, buscamos a eficiencia e priorizamos, tanto nas persoas que máis o precisan como nos servizos máis imprescindibles”.O candidato do PPdeG concretou que “cumprir o déficit é tamén política social: supón evitar axustes como noutros lugares e poder investir máis nas persoas e menos en intereses de débeda”. 

Ademais, subliñou que “temos demostrado que existía unha marxe moi importante de mellora na xestión do día a día, como por exemplo no consumo dun 20 por cento menos de enerxía nos hospitais, a posta en marcha dunha plataforma loxística para a distribución do material funxible sanitario ou non sanitario, a compra centralizada de material sanitario, o mellor rendemento cirúrxido ou o aforro de 140 millóns en farmacia coa implantación do catálogo de medicamentos”.

A continuación, Feijóo fixo un repaso polas actuacións levadas a cabo en materia social na pasada lexislatura. No ámbito da sanidade, explicou que a posta en marcha de medidas como a compra centralizada, a plataforma loxística, aumentar o rendemento cirúrxico, ordenar as listas de espera segundo patoloxías ou apostar polos xenéricos permitiu “situarnos líderes de España en vacinas como o neumococo para rapaces, non gastar en multinacionais farmacéuticas o que podemos investir en novos hospitais públicos e centros de saúde ou reducir as listas de espera media, especialmente para as patoloxías máis graves, deixándoas en 16 días para prioridade 1 (25 días menos que no Goberno bipartito) e 56 días para prioridade 2 (20 días menos que co Goberno de socialistas e nacionalistas)”.