Mañá 11 de setembro no Congreso dos Deputados comezará o Pleno, co debate de toma en consideración de dúas Proposicións de Lei. A primeira é unha Iniciativa Lexislativa Popular sobre a Televisión sen fronteiras, que pretende que as cadeas autonómicas póidanse ver naquelas comunidades onde se comparta a mesma lingua. A segunda proposición de lei é do Grupo Parlamentario Socialista, relativa á igualdade de trato e a non discriminación.
A continuación, tamén se debaterán dúas Proposicións non de Lei, unha sobre a elaboración dunha nova Lei de Protección Civil, do Grupo Parlamentario Popular, e outra sobre a estratexia para combater o desemprego xuvenil en Europa e España, de Grupo Parlamentario Socialista.
Para rematar, presentaranse as mocións consecuencia de interpelacións urxentes. A primeira moción é a presentada polo Grupo Parlamentario de EU, ICV-EUiA, CHA: A Esquerda Plural, sobre a política estratéxica de defensa e a presenza de tropas españolas no exterior. A continuación, debaterase a moción do Grupo Parlamentario Catalán (Convergència i Uniu), sobre as medidas que ten previsto adoptar o Goberno para paliar os danos ocasionados pola tormenta de saraiba acaecida o pasado 5 de xullo nas comarcas de Lleida; e para rematar o Grupo Socialista defenderá un texto sobre as novas medidas de axuste que ten intención de adoptar o Goberno.
O mércores, día 12 de setembro, o Pleno renovarase coa sesión de control ao Goberno e o debate das interpelacións urxentes. Nesa sesión formularei unha pregunta oral á Ministra de Fomento, relativa á situación da conexión ferroviaria de alta velocidade entre Galicia e Madrid.
O xoves, 13 de setembro, o Pleno decidirá a convalidación ou derrogación de dous Reais Decretos-Lei. Trátase do Real Decreto Lei 23/2012, de 24 de agosto, polo que se prorroga o programa de recualificación profesional das persoas que esgoten a súa protección por desemprego, e do Real Decreto Lei 24/2012, de 31 de agosto, de reestruturación e resolución de entidades de crédito.
O Pleno verá, doutra banda, os Ditames da Comisión de Asuntos Exteriores sobre varios Convenios Internacionais e votará a tramitación directa e en lectura única do proxecto de reforma da Lei Orgánica 2/2012, de 27 de abril, de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira.
Para rematar, a Cámara Baixa votará a proposta da Comisión de Igualdade de crear unha Subcomisión para o estudo da racionalización de horarios, a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e a corresponsabilidade.