lunes, 6 de agosto de 2012

Sobre o Plan de Infraestructuras, Transporte e Vivenda PITVI 2012-2014

Unha noticia importante no ámbito das infraestruturas foi a presentación o pasado venres por parte da ministra de Fomento, Ana Pastor, ao Consello de Ministros do informe sobre o Plan de Infraestruturas, Transporte e Vivenda (PITVI 2012-2024), co que comeza a súa tramitación.

O Ministerio informou que o obxectivo é marcar a folla de ruta da nova política de infraestruturas, transporte e vivenda, a través dun plan innovador e crible con reformas normativas e de planificación.

Neste sentido, o Plan presenta unha planificación coherente coa política económica do Goberno, que sirva como instrumento para o crecemento económico e a creación de emprego e que se axuste aos criterios de consolidación orzamentaria.

Ademais de integrar todas as políticas do departamento, incluída a vivenda, o PITVI define a carteira de servizos públicos do Estado en materia de transportes e é garantía de calidade e eficiencia, mediante a optimización das infraestruturas existentes e dunha planificación adecuada ás necesidades reais. 

O Plan potencia o mantemento das infraestruturas existentes, e garante a mobilidade mediante a prestación das Obrigacións de Servizo Público (OSP) en condicións de calidade.

Así mesmo, impulsa a participación do sector privado nos investimentos, a optimización do uso das infraestruturas e a mellora da competitividade.

O Plan inclúe tamén a planificación en relación coa política de vivenda. Neste apartado potenciará o aluguer e a rehabilitación. 

Este Plan  sométese a partir deste momento a un proceso de participación pública, no que poderán intervir todos os actores interesados, e que incluirá conferencias sectoriais e específicas para alcanzar o maior consenso posible.

Previsiblemente en setembro, Ana Pastor iniciara o trámite de audiencia pública coa súa comparecencia na Comisión de Fomento Congreso para informar aos grupos parlamentarios do contido do Plan, e posteriormente ás administracións públicas, autonómica e local, organizacións empresariais e sociais, asociacións representativas no sector. Ademais, procederase ao trámite de avaliación de impacto ambiental.