miércoles, 22 de agosto de 2012

Convocada a Deputacion Permanente do Congreso

O presidente do Congreso convocounos para unha reunion da Deputación Permanente que  terá  lugar o proximo martes 28 de agosto.

O primeiro borrador da orde do día, inclúe o debate de 23 peticións de comparecencia formuladas pola oposición, pero é previsible que se engadan esta semana máis solicitudes dos diferentes Grupos Parlamentarios.

A comparecencia do presidente do Goberno ante o Pleno do Congreso foi solicitada  polo GPS,  que lle pide explicacións polas decisións adoptadas polo Consello de Goberno do Banco Central Europeo (BCE) na súa reunión do 2 de agosto de 2012, sobre como van afectar á economía española e as decisións que, como consecuencia das mesmas, vai adoptar o Goberno de España.

  Á súa vez os GP de Esquerda Plural (EU-ICV-CHA) e o PNV, queren que Rajoy  explique o axuste orzamentario ata 2014 remitido polo Goberno a Bruxelas, cifrado en máis de 100.000 millóns de euros, as medidas adoptadas para cumprilo e o seu impacto sobre o crecemento económico e o emprego.

Ao ministro de Economía e Competitividade,  Luís De Guindos, pídeselle comparecencia para que informe das súas entrevistas co seu colegas alemán e frances, das medidas previstas para axudar aos afectados de preferentes e da creación do denominado 'banco malo.

A Cristóbal Montoro, titular de Facenda, pídenselle explicacións polos acordos sobre os topes de déficit das comunidades autónomas e por os  axústes orzamentarios adicionais comprometidos para 2014.

Á ministra de Emprego, Fátima Báñez,  pídenselle explicacións polos últimos datos da Enquisa de Poboación Activa e pola prórroga da axuda de 400 euros para parados sen prestación. Ademais, o GPS quere que a secretaria de Estado de Emprego informe dos últimos cambios legais en relación cos Expedientes de Regulación de Emprego (ERE).

Por parte dos GP nacionalistas cataláns e vascos, así como polos de Esquerda Plural e o Grupo Mixto reclámase   a comparecencia urxente da ministra de Fomento, Ana Pastor, para informar do encarecemento das peaxes pola supresión das súas subvencións e a subida do IVE.

Ademais, o GPS quere que a ministra Ana Mato informe ao Congreso das previsións do Goberno en relación coa reforma da Lei de Aborto e do aviso que o Instituto Nacional de Consumo enviou á organización de consumidores FACUA sobre a súa exclusión do rexistro de asociacións, un tema polo que tamén se interesaron os GP de Esquerda Plural e PNV.

A presenza no Parlamento do ministro de Agricultura e Medio Ambiente, Miguel Arias Cañete, foi solicitada polos GPS, EU-ICV-CHA e PNV para informar  sobre os incendios forestais e sobre a prórroga do convenio de pesca entre a UE e Mauritania e dos seus efectos sobre a flota española.

Tamén , os GP de Esquerda Plural e Grupo Mixto pediron a comparecencia do ministro de Exteriores, José Manuel García Margallo, pola repatriación de cooperantes no Sahara, mentres que o GPS piden ao  titular de Interior, Jorge Fernández Díaz, que explique o plan de encargar a empresas privadas de seguridade a vixilancia dos arredores das prisións.

Para rematar, o GPSOE ten pedida a comparecencia do presidente de RTVE, Leopoldo González Echenique, para explicar as substitucións acometidas en Radio Nacional e TVE á fronte dos principais informativos e programas.