lunes, 13 de agosto de 2012

Controlado o incendio de O Barco de Valdeorras


A Xunta de Galicia informou hoxe que o lume forestal rexistrado no municipio do Barco de Valdeorras, permanece controlado dende as 15:15 horas de onte domingo, 12 de agosto. 

Segundo as últimas estimacións dos técnicos que traballan no dispositivo tras dalo por controlado, a superficie afectada provisional sitúase arredor das 1.500 hectáreas. Esta superficie será actualizada cando se realicen novas medicións e darase con exactitude cando estea xeorreferenciada.

Desde a Consellería de Medio Rural, informan que finalmente nos traballos de control deste incendio participaron en total 7 técnicos, 39 axentes forestais, 138 brigadas, 1 Grumir, 60 motobombas, 6 palas, 13 helicópteros, 16 avións e efectivos da Unidade Militar de Emerxencia (UME).

Sinalan que houbo dous lumes diferentes, o último que se apagaou é distinto ao que foi extinguido o xoves.

Cabe destacar que xestión deste incendio por parte dos profesionais foi impoluta. A pesar das dificultades meteorolóxicas tan adversas, sobre todo as rachas fortes de vento – que complicaron o control do lume e obrigaron a cambiar de estratexia constantemente -, a coordinación foi total. Proba diso foi que en pouco máis de 48 horas o incendio foi controlado.

Lamentablemente escoltamos algunhas críticas infundadas que deben rebatirse. É falso que a dificultade de control do lume estea vinculada á experiencia das brigadas helitransportadas, que son profesionais especializados na materia.

É imposible falar de recorte cando o orzamento autonómico destinado a prevención e loita contra os incendios foi incrementado en máis de 1,4 millóns de euros.

Desde o primeiro momento a conselleira do Medio Rural e do Mar, como máxima responsable do operativo, desprazouse ata a zona e o sábado permaneceu toda a xornada facendo seguimento do operativo xunto co conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Tamén foron ata alí o propio Presidente da Xunta e o conselleiro de MATI.

Como dicia onte, Alberto Núñez Feijoo, hai que agradecer o comportamento de colaboración máxima de todas as autoridades municipais das zonas afectadas e dos veciños, “que tiveron un comportamento exemplar”. E o mesmo en relación cos efectivos que loitaron contra o lume desde as 13:00 horas do pasado venres.: os profesionais tanto da UME, como as brigadas, os medios aéreos -tanto helicópteros, como anfibios-, medios terrestres, motobombas, bulldozers e outro tipo de aparataxe para atrancar o lume e non deixar que se expandise cara a outras superficies. Xente que arriscou a súa vida para apagalo.

Agora comezarán as tarefas de evaluación dos importantes danos nas propiedades privadas e  públicas, nas traídas de auga e noutras propiedades públicas.