miércoles, 29 de agosto de 2012

Ampliacion e mellora da EDAR de O Barco de Valdeorras

O pasado luns 27 de agosto o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente difundía a noticia de que a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, ampliará e mellorará a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do Barco de Valdeorras (Ourense), coa finalidade de mellorar as súas condicións de explotación aumentando a súa capacidade para abordar o tratamento dos caudais e cargas contaminantes que recibe.
Así sabemos que o Ministerio, a través do seu organismo de conca, achegará un 65% dos 1,8 millóns de euros do investimento total prevista, a través de Fondos FEDER. Mentres, o Concello do Barco de Valdeorras asumirá o 35% restante do orzamento fixado.

Agora toca que a Confederación Hidrográfica asine en breve o convenio de colaboración co Concello para acometer esta actuación e, posteriormente, proceder á contratación do proxecto de construción.

Na nota do ministerio infórmase que as actuacións que levarán a cabo consisten, basicamente, nunha mellora xeral do sistema de control da instalación e do seu equipamento eléctrico, así como a execución dun novo pretratamiento, substituíndo ao actual, que permita tratar o caudal máximo en tempo de choiva.

A estación depuradora tamén mellorará e reforzará o reactor biolóxico existente dotándoo dun novo sistema de aireación, e ampliarase a decantación secundaria coa construción dun novo decantador. Tamén se prevé a execución dun depósito anaerobio que posibilite a eliminación biolóxica de fósforo.

Pola súa banda o Concello do Barco de Valdeorras realizará as xestións de cesión dos terreos para a execución destas obras.

Celebro este anuncio xa que este investimento é moi necesaria para mellorar a depuración das augas residuais na importante vila do Barco de Valdeorras.