jueves, 7 de junio de 2012

Os argumentos insolidarios do Sr. Homs "non teñen retorno", os investimentos do AVE a Galicia si.

Hoxe os deputados galegos do PP, tras as declaracións do secretario xeral da Presidencia e Portavoz do Goberno da Generalitat de Catalunya, Francesc Homs, que novamente criticaba onte os investimentos en Galicia para reivindicar máis investimentos en Cataluña, difundimos unha nota de prensa na que manifestamos que non é necesario meterse co que en xustiza merecen os demais para defender o seu.

Así lamentamos  que desde o Goberno catalán recórrase novamente á cantilnela de que "hai que apostar por investimentos con retorno", insinuando que o AVE a Galicia non é unha delas, e acusamos a Homs de utilizar datos equivocados e de omitir outros que non lle conveñen para intentar sementar dúbidas sobre o proxecto do AVE a Galicia, tan necesario para a vertebración do país e para o desenvolvemento económico e social do noroeste peninsular.

Neste sentido, subliño que Homs omitiu conscientemente cuestións como que o proxecto de lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2012 contempla para o Corredor do Mediterráneo un orzamento de investimento de 1.432,26 M€ e para o Corredor Noroeste unha consignación de 1.217,39 M€.

Recordamos que o 20 de febreiro de 2008 entrou en servizo o tramo Roda de Bará-Barcelona, facendo posible viaxar entre Madrid e Barcelona (659 km) nun tempo de 2 horas e 30 minutos e insistimos en que se o Sr. Homs quixese hoxe tomar o tren desde Barcelona a Madrid podería escoller entre 28 frecuencias, e todas menos unha serían en trens AVE, mentres que se calquera galego quere viaxar en tren a Madrid só poderá escoller entre un tren diúrno (6,53 horas tardaría desde A Coruña e 8,18 horas desde Pontevedra) e dous nocturnos (entre 10 e 11 horas de duración de viaxe).

Homs debe saber que os Corredores ferroviarios Atlántico e Mediterráneo, así como o Central, son compatibles e complementarios e afirmamos que afortunadamente o Goberno da Sra. Pastor está comprometido con que todos os cidadáns que vivimos en España temos os mesmos dereitos en materia de comunicacións e infraestruturas, con independencia de onde vivamos.

Terminamos a nosa nota con esta sentenza: "Sr. Homs, os seus argumentos insolidarios non teñen retorno, os investimentos do AVE a Galicia si, defenda o seu pero sen meterse co que en xustiza merecen os demais".