martes, 19 de junio de 2012

Sobre unha futura subida do IVE

Hoxe o xornalista Héctor Díaz publica nos periódicos La Región e Atlántico Diario, un traballo que titula "O IVE non aguanta mais presión" no que recolle a opinión de tres parlamentarios, Guiillermo Meijón, do PSOE, Francisco Jorquera do BNG e de quen subscribe.

Agora aquí con mais espazo publico as miñas respostas ás preguntas formuladas.
1.- ¿É necesario subir novamente o IVE?

Desexo que non sexa necesario actuar nos tipos do imposto sobre o valor engadido, pero haberá que estar á evolución da situación das finanzas públicas e da débeda soberana.
 
O Goberno e o Partido Popular non son partidarios das subidas de impostos xeneralizadas, así é como actuamos tradicionalmente e así o manifestou en non poucas ocasións o Presidente do Goberno.

Esta é o noso xeito de pensar, pero o certo é que como servidores públicos debemos axustar as nosas políticas á realidade; a mala situación económica herdada, os compromisos co obxectivo de déficit e estabilidade, así como as recomendacións que sinalaran a España os nosos socios europeos antes de chegar ao goberno, obrigaron ao actual Executivo a tomar a decisión puntual de aumentos limitados e selectivos de impostos.
 
Pero o fundamental é que tanto nos asuntos impositivos como en calquera outra actuación non teñan que pagar máis quen menos teñen. Os españois somos unha sociedade solidaria, que sabe entender cando hai que facer sacrificios e que, neste caso, unha vez máis, saberá estar á altura das circunstancias para dar o mellor de se mesma.

2.- ¿Pode paralizar a recuperación económica esta medida?
Como calquera persoa pode entender, eu estou convencido que non se tomarán medidas nin se porán en marcha iniciativas que poidan ir en contra do principal obxectivo de España e do Goberno, que non é outro que a recuperación económica, o crecemento estable e sostido e a creación de emprego. Debemos ser capaces de adoptar medidas que fagan plenamente compatible a diminución do déficit público - ben polo lado dos ingresos ou ben polo lado dos gastos - e que non lastren ou alarguen a recuperación da nosa economía.

3.- ¿Ata que punto a subida pode ser unha decisión española ou unha imposición de Europa?

Cando un forma parte dun Club, como é a Unión Europea, un non pode ir por libre en calquera decisión que tome, posto que iso afecta ao resto de socios, non hai máis que fixarnos no exemplo diario de Grecia ou Portugal que tomaron decisións soberanas, pero que tiveron un efecto negativo no resto de Europa. España é un país soberano, serio e solidario, e con esas tres premisas debe adoptar as súas decisións e desenvolver as súas políticas polo ben de España, defendendo o interese xeral de todos os cidadáns e procurando que iso redunde tamén no maior beneficio posible para a zona euro. Debemos ser un socio fiable.
 
4.- ¿Existen alternativas?

Alternativas existen, de feito a propia Comisión Europea, nun informe de finais de maio no que valoraba positivamente o esforzo e as reformas emprendidas polo Goberno, mencionaba unha serie de recomendacións ao programa de estabilidade e crecemento de España no que. Non só se falaba da subida do IVE (imposto do que dicía existir marxe para a ampliación da súa base), senón que sinalaba, por exemplo, a posibilidade de reasignar fondos para facilitar o acceso ao financiamento das PEMES; mellorar a rendibilidade da cadea de subministro de electricidade; ou introducir un sistema tributario compatible cos esforzos de saneamento fiscal e máis favorable ao crecemento, especialmente reorientando a presión fiscal desde o traballo cara ás actividades prexudiciais para o medio ambiente, entre outras.