Debate sobre os servizos ferroviarios de proximidade en Galicia

Hoxe tivemos sesión da Comisión de Fomento. Debatéronse varias iniciativas e entre elas unha Proposición non de Lei do BNG relativa á adopción de medidas por parte do Ministerio de Fomento para a creación de servizos de proximidade en Galicia. A posición do BNG foi defendida por Francisco Jorquera.

Intervín en nome do Grupo Parlamentario Popular defendendo unha ambiciosa emenda que transaccioné co voceiro nacionalista. Na miña intervención referinme ao impulso para a creación dunha Xerencia de Cercanías en Galicia, que era unha vella reivindicación que defendía cando estaba na oposición e resaltei o compromiso expresado explicitamente pola ministra de Fomento, Ana Pastor, na súa primeira comparecencia ante a Comisión de Fomento o pasado 9 de febreiro.

Destaquei o constante empeño do PP, tanto a nivel nacional como desde a Xunta de Galicia, para potenciar en Galicia a rede ferroviaria convencional para o seu aproveitamento para os servizos ferroviarios de proximidade e o transporte de mercancías.

Informei sobre o compromiso inequívoco do novo Goberno do PP que xa se está concretando nun estudo para a implantación de servizos de proximidade onde se está analizando as peticións realizadas e para o que nos PGE do 2012 volvéronse a consignar 200.000 euros, despois de que a partida aprobada en 2011 polos socialistas quedase sen executar.

Mostreime partidario de analizar coa Xunta de Galicia o aproveitamento e funcionalidade dos tramos ferroviarios así como a situación e o destino das estacións e apeadeiros que queden fóra de servizo como consecuencia da posta en servizo das novas liñas de alta velocidade.

Sometido o transaccionado entre BNG e PP a votación, foi aprobado por 41 votos a favor e unha soa abstención.

O texto finalmente aprobado é o seguinte:

“O Congreso dos Deputados insta ao Goberno a:

1. Levar a cabo os estudos do Plan para a implantación dos servizos de proximidade en Galicia, para o que existiu unha dotación nos PGE de 2011 e existe outra prevista no proxecto de lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2012.

2. Crear unha Xerencia de Cercanías de Galicia que en colaboración coa Xunta de Galicia dea os primeiros pasos e estableza obxectivos e compromisos tendentes á implantación deses servizos de proximidade.

3. Analizar coa Xunta de Galicia o aproveitamento e funcionalidade dos tramos ferroviarios así como a situación e o destino das estacións e apeadeiros que queden fóra de servizo como consecuencia da posta en servizo das novas liñas de alta velocidade”.

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2012/05/31/congreso-pacta-impulsar-gerencia-cercanias-prometio-pastor/0003_201205G31P14992.htm
http://www.europapress.es/galicia/noticia-bng-psoe-pp-piden-medidas-impulso-implantacion-cercanias-galicia-20120530193714.html
http://www.eldigitaldemadrid.es/ep/general/NACIONAL/20120530191330
http://www.elcorreo.com/agencias/20120530/mas-actualidad/politica/todos-grupos-excepto-upyd-piden_201205302011.html
http://ecodiario.eleconomista.es/politica/noticias/4006913/05/12/BNG-PSOE-y-PP-aprueban-la-Proposicion-no-de-Ley-con-medidas-que-doten-a-Galicia-de-servicios-de-cercanias.html




Con la tecnología de Blogger.