Como todos os xoves, de 8,30 a 9,30 horas participei con Francisco Jorquera e Laura Seara no faladoiro de Radio Voz que modera Antía Díaz.
Hoxe abordamos cuestións referidas a dous servizos públicos, o de educación universitaria e o do transporte.
Falamos en primeiro lugar sobre impacto do real decreto lei aprobado polo Goberno, no que se inclúen medidas como a subida das taxas universitarias ata alcanzar entre o 15 e o 25 % do custo da primeira matrícula.
Nese sentido falei de que esta nova norma expón cuestións estruturais como son as relativas á racionalización do número de titulacións de grao mediante a esixencia dun número mínimo de alumnos, a limitación de incorporación de persoal de novo ingreso nas universidades e a máis importante que é a incorporación do principio de estabilidade orzamentaria nas universidades.
Dixen que todas estas xa foron abordadas pola Xunta de Galicia en acordos pechados cos reitores das nosas universidades, de modo que xa se cumpren eses novos requisitos e ata se superan.
Pero tamén esta reforma aborda cuestións máis polémicas como son as relativas ao réxime de dedicación do profesorado universitario e as que afectan á aproximación dos prezos públicos dos servizos académicos (taxas) ao custo efectivo dos mesmos.
Afirmei que a Xunta está falando cos tres reitores sobre estes temas pero que en todo caso o Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, xa expresou que Galicia continuaría tendo taxas univesitarias das máis baixas de España como ata o momento.
Tamén abordamos as cuestións relativas ás reformas que se aveciñan en materia de transportes públicos.
Recordei que o novo Goberno de España atopouse cunha débeda no Grupo Fomento de ao redor de 40.000 millóns de euros, o que representa algo máis de 3 puntos do noso PIB.
Citei as palabras de Ana Pastor na súa primeira comparecencia cando deu conta do endebedamento de Renfe: perdas anuais de máis de 120 millóns de euros, ata coa subvención que recibe do Estado de 660 millóns de euros, e que ten que facer fronte adicionalmente a unha débeda de máis de 5.200 millóns.
Ou o caso de Feve: os seus ingresos en 2011 apenas superaron os 30 millóns de euros mentres que os seus gastos foron de 190. O seu endebedamento pasou de 180 millóns en 2004 a máis de 530 en 2011.
Ou o de Aena cuxa débeda supera os 14.943 millóns de euros. 12.359 a longo prazo. 2.583 a curto prazo. Case tres veces máis que en 2004.
Falei da necesidade de superar esos enormes déficits con medidas de austeridade, xestión e eficiencia, que son simplemente imprescindibles se queremos seguir sostendo eses servizos públicos.
Sobre o debate relativo ás tres terminais aeroportuarias galegas afirmei que todas deben ter os seus plans de austeridade que permitan minimizar os gastos correntes sen menoscabar a calidade do servizo e así poder asegurar a súa viabilidade e dau unha maior robustez á sustentabilidade financeira da rede e que tamén se impuña a coordinación e impulso das políticas aeroportuarias do Estado e das comunidades autónomas naquelas comunidades que desenvolvan de xeito efectivo a súa competencia aeroportuaria, sobre todo no desenvolvemento de rutas aéreas.
En relación co debate aberto sobre a posibilidade de establecer algún sistema de pago pola utilización das autovías, limiteime a reiterar as palabras de onte da ministra de Fomento no sentido de que o obxectivo do Goberno, e polo tanto do seu departamento, é conseguir que o transporte en España sexa eficiente e de calidade, pero coa menor carga ao erario público.
Recordei que no actual proxecto de orzamentos xerais do Estado para 2012 contémplanse 873 millóns de euros para a conservación de estradas, que é un gasto de extraordinaria importancia e ademais ineludible, o que sen dúbida leva a que unido a outras circunstancias propíciese o anterior debate.