Nesta semana que remata teño que destacar o acordo do Consello da Xunta para dar o visto e prace ás liñas mestras do Plan para a Dinamización Demográfica 2012-2015, horizonte 2020 . Un plan que conta con catro eixos prioritarios: sensibilizar á cidadanía; impulsos socioeconómicos á maternidade eparternidade; apoio ás familias e mellorar a coordinación das administracións.
En rolda de prensa o presidente Feijóo subliñou que na enquisa realizada para coñecer a súa percepción, “os talegos non nos sentimos conscientes do problema demográfico da nosa terra, polo que é preciso –aseverou- facer campañas de información para saber que, en Galicia, hai un problema larvado”. E, sobre o segundo eixo, destacou a necesidade de fomentar estímulos que apoien a decisión dos galegos de converterse en pais ou nais; desde apoios económicos progresivos, vinculados á riqueza dos pais, ata a axilización dos trámites de adopción ou sensibilización do sector empresarial para aplicar tarifas de tipo social.
Así mesmo, Alberto Nuñez referiuse ao apoio ás familias, con medidas que faciliten a conciliación da vida familiar como o incremento, a pesares da crise, do número de prazas das escolas infantís; fomentando a racionalización dos horarios e facilitando o acceso á vivenda e ao transporte. “E é preciso mellorar a coordinación das distintas administracións. Todos deberíamos priorizar nos nosos plans de goberno, nos nosos plans estratéxicos a demografía de Galicia como problema”, afirmou, en relación ao cuarto eixo.
Se ben, Feijóo recoñeceu que se trata dun plan a longo prazo “e que a sociedade ten que completar”, aseverou que con esta proposta se está dando resposta a un compromiso político pero sobre todo a unha necesidade do país.
Coido de interés máximo impulsar con seriedade este plan a longo prazo porque non e posible negar a evidencia do inverno demográfico que existe en Galicia: o 22% da poboación galega ten máis de 65 anos; en 10 anos, Galicia podería chegar a perder o 5% da súa poboación -147.000 habitantes-; a taxa bruta de natalidade está por debaixo da media (8,5 en Galicia fronte ao 10,5 en España); a idade media está por debaixo da media (Galicia, 44,9 anos e, en España, 39,5 anos); e a poboación menor de 14 anos tamén está por debaixo da media (11,59 en Galicia e 14,8 en España).
Agardo que neste tema academos un total consenso parlamentario.