Uns investimentos en Galicia, reais, xustos e que contribuirán a crear emprego


Hoxe concluíu no Pleno do Congreso dos Deputados o debate de totalidade dos Presupostos Xerais do Estado para 2012. As emendas de devolución presentadas polos Grupos Socialista, de CiU; de IU-ICV/EUiA-CHA; de UPyD e do PNV; e Amaiur, Coalición Canaria, ERC, BNG e Compromis, estes cinco últimos integrados no Grupo Mixto, foron rexeitadas con 156 votos a favor, 182 votos en contra e unha abstención.
 
 Neste debate interveu para defender a súa emenda o representante do BNG, Francisco Jorquera que chegou a dicir que estabamos ante uns "presupostos fraudulentos con Galicia" e que o que se facía era "substituír a realidade pola propaganda". Ao mesmo tempo afirmou que liña de alta velocidade Olmedo-Zamora-Ourense, ao seu paso pola provincia de Ourense, absorbe máis de 700 millóns de euros, preto do 50% do investimento previsto en Galicia, pero que se examinamos o estado dos proxectos en cada tramo como moito poderanse executar durante este exercicio 200 millóns de euros. Tamén criticou os orzamentos por antisociais e centralistas.
 
Estas manifestacións leváronnos aos deputados galegos do PP no Congreso a difundir unha nota de prensa na que cualificamos aos PGE do 2012 como os máis austeros da democracia e os únicos posibles dada a crítica situación económica e na que lamentamos que o BNG sementase dúbidas sobre os investimentos en Galicia cando quedou acreditado o enorme esforzo investidor realizado polo Goberno na nosa CC.AA., que recibirá o 13,44% do investimento territorializada a pesar de vivirse o peor momento de recesión da historia.
 
Nesa nota recordamos que os altos cargos do Ministerio que compareceron na Comisión de Fomento a pasada semana para explicar os PGE garantiron nas súas intervencións o realismo do investimento previsto para a Alta Velocidade en Galicia. Neste sentido, subliñamos que fronte ás dúbidas sementadas polo BNG sobre a imposibilidade de executar as contas públicas, "está o realismo dos feitos que se están materializado, posto que o novo Executivo xa adxudicou 8 tramos de AVE en Galicia, por importe de 743 millóns de euros, aos que hai que engadir dous CPP por importe de 379 millóns máis, en total 1.122 millóns, e aos que se sumaron o pasado venres 927 millóns máis autorizados polo Consello de Ministros para outros 4 tramos.
 
Criticamos que os nacionalistas galegos cuestionen os investimentos en Galicia dando argumentos aos que desde outros territorios pretenden atacalas e lamentamos non obstante, que o voceiro do BNG obviase na súa intervención calquera crítica á herdanza recibida polo actual Goberno que é a que obriga a realizar drásticos recortes para axustarse ao déficit esixido. Certamente non criticaron nada porque eles foron copartícipes dalgúns deses presupostos do Goberno socialista.
 
Cremos que non é o momento de sementar dúbidas, senón de apoiar uns investimentos que crecen en Galicia malia o difícil momento económico que se vive e que non só servirán para impulsar as infraestruturas, senón tamén para apoiar a tan necesaria creación de emprego.

Destacamos tamén que malia o duro axuste feito para cumprir o obxectivo de déficit, o Goberno non recorta dereitos adquiridos como o soldo dos funcionarios ou as prestacións por desemprego e, ademais, cumpre o seu compromiso de elevar as pensións. 
 
Ademais resaltamos que as medidas de consolidación fiscal postas en marcha supoñerán un aumento de 12.300 millóns e subliñamos que o financiamento das infraestruturas será complementado co recurso a mecanismos de colaboración público-privados equilibrados e viables, o que garante o empeño do Goberno en cumprir con estas contas públicas. 
 
Finalmente, afirmamos que non ten sentido que o BNG acuse de centralistas a estes Presupostos, xa que o Goberno se ocupou dende o principio de apoiar a viabilidade financeira das autonomías, adiantou o 50% das liquidacións dos recursos do sistema, aprazou ata un máximo de 10 anos o reintegro ao Estado das débedas acumuladas debido aos erros de presupostos dos exercicios 2008 e 2009 e puxo en marcha un plan de pagamento provedores que puxo á súa disposición máis de 27.000 millóns de euros.

Con la tecnología de Blogger.